A película da directora catalá Carla Simón proxectarase o vindeiro xoves 16 de abril, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro
O Abril de Cine, unha iniciativa promovida polo departamento de Cultura do Concello de Ames, ten como obxectivo achegar o cinema actual á veciñanza amesá
Sobre “Romería”
“Romería” é o terceiro filme estrito e dirixido pola directora Carla Simón, logo dos éxitos de “Estiu 1993”, a súa ópera prima, e “Alcarràs”. Esta nova película está protagonizada por Llúcia Garcia e Mitch Robles, os cales encarnan os papeis de Marina e Nuno. A historia comeza cando Marina viaxa a Vigo para coñecer á familia do seu pai biolóxico, que morreu de sida, igual que a súa nai, cando era moi pequena.
Logo de coñecer aos seus familiares máis próximos, Marina trata de reconstruír o relato dos seus pais, pero todos senten moita vergoña de cara aos conflitos de drogas da parella e a súa presenza empeora a situación. A través da historia de amor que Marina vive co seu primo Nuno, consigue reconectar cos seus pais e ir reformulando a historia de seus pais e liberalos do estigma que a súa familia sente por eles.
Abril de Cine
“Romería” será a segunda sesión do ciclo logo da gran acollida que tivo a proxección de “Rondallas” a pasada semana. O Abril de Cine, unha iniciativa promovida polo departamento de Cultura do Concello de Ames, ten como obxectivo achegar o cinema actual á veciñanza amesá e todas as películas seleccionadas teñen un fío común: forman parte do trío de películas máis salientables do ano e as tres tratan temas de identidade, comunidade e memoria vencelladas a Galicia
Pechará o ciclo, o xoves 23 de abril, a aclamada película do galego Óliver Laxe “Sirât”. Nominada aos premios Oscar 2026 na categoría de Mellor película internacional e na de Mellor son, esta peza xira arredor dun pai que viaxa ao Sáhara, acompañado do seu fillo pequeno, para buscar á súa filla maior, desaparecida nunha festa rave hai meses. Do mesmo xeito que os outros dous filmes do programa, “Sirât” proxectarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro ás 20.00 horas.
Para poder acceder a calquera destas tres proxeccións, é preciso mercar entrada. Poderase facer en liña, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou de maneira presencial o propio día de cada pase no caso de haber dispoñibilidade. As entradas teñen un custo de 3 euros para o público xeral e un prezo reducido de 1,50 euros a estudantes con carné, persoas maiores de 60 anos, persoas menores de 12 anos, familias numerosas, mozos e mozas con carné xove e persoas demandantes de emprego.