23 Agosto, 2017

Este xoves e venres atoparase en Bertamiráns a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia

Poden doar as persoas maiores de 18 anos e menores de 65 anos

A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará en Bertamiráns este xoves 24 e mailo venres 25 de agosto. O vehículo atoparase estacionado ao carón da praza da Maía, en horario de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas.

Durante o ano 2016 Ames acadou 43 doazóns por cada 1.000 habitantes. O obxectivo para este ano é manter este elevado nivel de solidariedade, por riba das cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por 1.000 habitantes). Para iso o Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.

Recórdase así mesmo ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Poden doar as persoas maiores de 18 anos e menores de 65 anos -idade a partir da cal é preciso un permiso médico- e nun estado normal de saúde.