11 Maio, 2017

Faise público os gañadores do XIV Certame Literario de narrativa e poesía e do IX Certame Artístico-Literario Intercentros

O concurso reuniu un total de 129 traballos procedentes de toda Galicia e de varias localidades do resto de España

O Concello de Ames fixo público este mércores, 10 de maio, o nome das obras premiadas na décimo cuarta edición do Certame Literario de narrativa e poesía. O concurso reuniu un total de 129 traballos procedentes de toda Galicia e de varias localidades do resto de España. Na modalidade de poesía houbo 69 traballos, mentres que en narrativa presentáronse 60 obras. Ademais, falláronse os premios da novena edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesán, e que contou con 98 traballos presentados. Este ano o xurado do certame estivo composto pola profesora Dolores Vilaverda, o escritor Manuel Portas e o poeta Ismael Ramos. Os premios entregaranse o día 16 de maio nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.

Na modalidade de narrativa (categoría de ata 13 anos) o gañador foi Daniel Souto, do concello de Brión, coa obra Vía libre. O segundo clasificado foi Manuel Muñoz, de Carballo, coa peza O mundo imaxinario de Uxío, mentres que na terceira posición quedou Rosalía Sáez, de Santiago de Compostela, co traballo O rostro dun asasinato.

Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) a gañadora foi Iria Freire, de Negreira, coa obra Unha gaiola para a luz. A segunda clasificada foi Ana Barros, de Marín, coa peza Bala Perdida, e na terceira posición quedou Lucía Fuentes, tamén de Negreira, co traballo A vida de Marta. Na terceira e última categoría (18 anos ou máis) o gañador foi Antonio Piñeiro, de Ribeira, con Sinfonía con quinto esquerda. A segunda posición foi para Santiago Casal, de Oleiros, coa peza Pel de mazá, mentres que na terceira posición quedou Martiño Maseda, de Vilalba, co traballo Omnisciencia.

Os premios entregaranse o día 16 de maio nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.

Na modalidade de poesía (categoría de ata 13 anos) o primeiro premio foi para Paula Domínguez, de Pontevedra, coa obra Romance da moza que quería ser tamén andoriña. O segundo clasificado foi Anxo Villanueva, de Ames, coa peza Monstro, mentres que na terceira posición quedou Rodrigo Fontán, tamén de Ames, co traballo A gata saleta.

Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) o primeiro premio foi para Manuel Xiráldez, de Brión, coa obra De amor en vela. O segundo premio recaeu en Laura López, de Lugo, coa peza Pergameos Contemporáneos, e na terceira posición quedou Irene Rico, de Burela, con Euxénese poética. Por último, na categoría de 18 anos ou máis, a gañadora foi Arancha Nogueira, de Ourense, coa obra Para ser de ti, a segunda clasificada foi Sara Villar, de Silleda, coa peza The dreamers, e na terceira posición quedou Luís Rodríguez, de Ames, co traballo Deus: Making off.

IX Certame artístico-literario Intercentros

Ademais, falláronse os premios da novena edición do Certame Artístico-Literario Intercentros que estivo dirixido ao alumnado amesán. Este concurso consta de dúas categorías: a primeira para o alumnado de 3º e 4º de primaria e a segunda para os rapaces e rapazas que cursan estudos de 5º e 6º de primaria. Neste certame presentáronse un total de 98 obras (43 do CEIP A Maía; 42 do CEIP Agro do Muíño; 10 do CEP de Ventín e 3 do CEIP de Barouta). Na primeira categoría presentáronse 56 traballos, mentres que na segunda houbo 42. O número total de alumnos/as participantes foi de 136. O xurado deste certame estivo formado por María del Mar Prieto, María Vázquez e Rosa Moreiras.