A denuncia de Argibay non prosperou ao recoñecer o xulgado que o alcalde actuara axustárase a dereito ao non permitir debater unha emenda de rebaixa do IBI que precisaría dos preceptivos informes técnicos
O motivo da presentación do contencioso foi non ser admitida para debater a emenda que presentaba Pacto por Ames de rebaixa do imposto de bens inmobles (IBI). Tal e como sinala a sentenza, a emenda presentada por Pacto por Ames refírese ao artigo 13 da Ordenanza fiscal sobre o gravame do imposto, mentres que a proposta da Alcaldía que se discutía no Pleno referíase ao artigo 15 da dita ordenanza, sobre as bonificacións, sendo necesario que exista unha conexión material entre a emenda e a proposta, cousa que non se deu no presente caso. Ademais, a sentenza sinala que a emenda presentada non se trataba nin dun engadido ao texto, nin de modificación da proposta presentada pola Alcaldía.No punto sexto da sentenza arguméntase que a solución que se propuxo no Pleno de permitir debater a proposta e deixar o asunto sobre a mesa á espera dos informes técnicos e xurídicos, que son preceptivos, non era posible por non estar o asunto proposto por PxA na orde do día. Neste mesmo punto o xuíz sinala que para tratar o asunto que propoñía PxA eran necesarios os informes dos técnicos, tal e como a Alcaldía sinalou na sesión plenaria, feito que tampouco se cumpría por parte do grupo propoñente.
Ademais de outorgar a razón ao demandado o demandante terá que correr coas costas ata un valor de 400€.
O alcalde de Ames, lamenta a actitude amosada neste asunto por parte do concelleiro e das concelleiras de Pacto por Ames, primeiro pola a irresponsabilidade de abandonar o Pleno da corporación sen motivación patente e segundo, polo uso en prensa e redes sociais con falsas afirmacións de vulneración de dereitos, antes incluso de ter sentenza ningunha. Para o Goberno de Ames a xudicialización da política non debe ser o camiño, máxima coa apertura á participación que dende a entrada deste Goberno se leva producido tanto nos plenos como na vida política diaria, con múltiples comisións, xuntas de voceiros e mesmo a aprobación dun novo regulamento plenario.