31 Xullo, 2020

Fede Pérez e Pepo Suevos levan ‘A culpa é do sistema’ ao Pazo da Peregrina

Federico Pérez e Pepo Suevos traen mañá a Ames o seu espectáculo “A culpa é do sistema”. Ambos os dous coñecidos actores xogan na casa, xa que son veciños de Ames que presentan este espectáculo interactivo ante a veciñanza. Será ás 22h no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, con entrada de balde ata completar o aforamento. 

“A culpa é do sistema” é un espectáculo interactivo no que o público xoga un papel moi importante, podendo escoller entre varias opcións cada vez que se cambie de situación sobre o escenario.  Pepo e Fede adaptan os contidos da obra en rigoroso directo á demanda dos espectadores, “do respectable”.

Tratándose dunha proposta na que o inmediato é fundamental, a temática non pode ser outra que a actualidade. A vida política, o día a día dunha escola ou as horas mortas dos xubilados son algúns dos temas que adoitan tratarse en “A culpa é do sistema”. Porén, calquera acontecemento relevante que tivera lugar nas horas previas á función, pode xa ser tamén tratado e integrado de xeito automático neste espectáculo cómico. É moi probable que o coronavirus, a pandemia e o confinamento sexan tratados na función de Bertamiráns por estes magos do humor.

En declaracións para AMSGO, Fede Pérez animou á veciñanza a vir desfrutar na noite de mañá dun espectáculo “por todo o alto e por todo o ancho” no Pazo da Peregrina. Un espectáculo, segundo Pepo Suevos, “en chave cómica, que reflexiona sobre todas as cousas que nos teñen acontecido nos últimos tempos”. “Decidimos analizalo coa participación da xente”, continúa Suevos, “para que así quede constancia de que nós non somos tan parvos como parece”. “Coma sempre, trátase de ter unha escusa para pasalo ben e nós neste caso escachamos coa risa”, remata. 

Un bo plan para desfrutar na noite do sábado, que forma parte do programa de dinamización dos sectores cultural e comercial de Ames “AmesON”.