A festa celebrouse a pasada semana na Casa da Cultura de Bertamiráns
A festa de fin de curso das actividades de voluntariado tornouse un festival cheo de enerxía, xa que alí estiveron moitas das persoas que participan dos servizos do voluntariado amesán como, por exemplo, o de apoio escolar ou o das Escolas Integrais de Maiores. A festa celebrouse a pasada semana na Casa da Cultura de Bertamiráns.
As e os integrantes das Escolas de Maiores interpretaron teatro, poesía e canto para festexar o remate do curso. Ao longo da tarde, tamén houbo unha entrega de diplomas ás e aos participantes das Escolas Integrais de Maiores, ás voluntarias do roupeiro municipal e ás voluntarias e voluntarios do proxecto de apoio escolar para nenas e nenos en risco de exclusión social.
Asemade, no festival tamén participaron persoas que forman parte doutros obradoiros como o de patronaxe, corte e confección, o de inicio á costura ou o de “Achégate ao Inglés”. Tamén asistiu ao festival a concelleira de Voluntariado, Isabel González Cancela, así como o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos.