Valentín González Formoso, Presidente da Deputación da Coruña, sinalou en relación ao traballo da institución supramunicipal en materia de igualdade que “situamos como PRIORIDADE do noso Goberno a LOITA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA E a atención ás mulleres que a sofren. Financiamos cos concellos da Coruña, Culleredo e Ferrol o mantemento das casas de acollida, vivendas tuteladas e pisos de inclusión e transición para dar servizo ás mulleres que buscan seguranza e condicións acaídas para escapar dunha situación de violencia de xénero”.
Formoso fixo estas declaracións coincidindo coa visita á Fundación Mujeres da Coruña, o día 8M.
María Muíño: “o 8M é unha data para a reflexión e que nos permite afirmar, á luz dos datos, que non hai igualdade”
María Muíño cualificou o 8 de marzo como “unha data para a reflexión, unha data para tomar conciencia da realidade das barreiras e desigualdades que aínda permanecen, e que nos permiten afirmar á luz dos datos que non hai igualdade”. A deputada explicou, durante a súa intervención, que “se algo voltou constatar a crise sanitaria é que cada vez que nos toca enfrontarnos a unha etapa de crise, sexa cal sexa a orixe, as mulleres sabemos que as consecuencias van ser brutais para nós, entre outras cousas porque xa partimos dunha situación de desvantaxe”.
‘Mobilizadxs xti’
A campaña ‘Mobilizadxs xti’, que durará todo o mes de marzo, ten por obxectivo principal difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados.