8 Marzo, 2026

García e Formoso revisaron proxectos comúns entre Concello e Deputación

Durante a reunión que mantiveron o pasado día 6 o rexedor amesán e o presidente da Deputación tamén se fixo seguimento doutros proxectos de interese que se están a desenvolver en colaboración entre a Deputación e o Concello de Ames. Un deles é o futuro Mercado Municipal de Ames, unha actuación estratéxica incluída nas liñas de desenvolvemento do plan Conecta Ames. Este proxecto está contemplado no Plan Edil e contará cun investimento total de tres millóns de euros, financiados a partes iguais pola Deputación da Coruña, o Concello de Ames e a Xunta de Galicia.

Outra das actuacións abordadas foi a mellora da estrada provincial DP-0205, que conecta A Condomiña con Bugallido. A Deputación da Coruña ten previsto licitar a primeira fase das obras durante o primeiro semestre de 2026, cun investimento aproximado de 1.200.000 euros. Esta intervención permitirá mellorar a seguridade viaria e as condicións de circulación nunha vía moi utilizada pola veciñanza do municipio.

Con este tipo de actuacións, ambas administracións continúan reforzando a súa colaboración institucional para impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento de Ames e á mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio.