21 Xullo, 2021

Gonzalo Caballero apoia a declaración de Pontemaceira como Ben de Interese Cultural

O secretario xeral das e dos socialistas galegos,
Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da corporación
municipal de Ames, encabezada polo seu alcalde, Blas García, e á que acudiu na
compañía do presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga, e da
deputada Noa Díaz.
Dende alí, o dirixente socialista pediu a Feijóo “que cumpra coa sanidade pública”
fortalecendo un sistema de rastrexo que é “deficiente”, así como a atención primaria
que está “desbordada” por falla de persoal, á que hai que sumar que “non se cobren
as vacacións”.
Ao fío disto, lamentou que o sistema de rastrexo “non funcione ben”, o que supón un
incremento do nivel de presión asistencial sobre os facultativos e facultativas. “Non
pode ser que teñamos niveis de presión crecente na asistencia do sistema sanitario
público que fai que moitos profesionais teñan que atender nun mesmo día 60, 70 ou
ata 98 pacientes como ocorreu esta fin de semana” nun PAC de Vigo, sentenciou.
É por iso que pediu á Xunta “que actúe con responsabilidade segundo as indicacións
do comité clínico e que traslademos á cidadanía unha posición común e conxunta de
que temos que tomar todas as medidas de precaución necesarias para evitar que a
taxa de positividade e as taxas de contaxios poidan incrementarse no futuro”.
“Por lealdade e responsabilidade respaldamos as normas e restricións que se asumen
de acordo ás indicacións ao comité clínico, pero temos que ser máis esixentes na
defensa da sanidade pública para protexer a saúde”, sentenciou.

CHAMAMENTO Á PRUDENCIA
Nesta liña, Gonzalo Caballero fixo un chamamento á “prudencia”. “Todos temos que
ser responsables, a cidadanía ten que ser responsable cumprindo coas restricións, pero
tamén Feijóo tamén ten que ser responsable” fortalecendo a sanidade pública, xa que
“é máis necesario que nunca para poder facer fronte aos retos sanitarios”.
Doutra banda, o líder do PSdeG recoñeceu a estratexia de vacinación que “está
permitindo afrontar os retos do virus en circunstancias distintas” cando, a día de hoxe,
“o 65% dos galegos e galegas xa teñen unha dose da vacina”. “Isto permite afrontar o
futuro con máis ilusión, esperanza e seguridade, pero non podemos baixar a garda”,
incidiu, xa que “os riscos da quinta onda están presentes”.


AMES

Doutra banda e aproveitando o enclave, o dirixente socialista pediu á Xunta “que
cumpra cos concellos de Ames e Negreira” declarando a Pontemaceira como Ben de
Interese Cultural (BIC) “polo que representa na historia, no Camiño de Santiago ou na
cultura” e dado que ten “un valor cultural, histórico e paisaxístico incomparable”.
Dado que esta demanda “leva un tempo á espera”, Gonzalo Caballero anunciou que o
PSdeG levará ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para instar á Xunta a
dar este “paso necesario” e que “aproveite as posibilidades” que achega Pontemaceira.
Noutra orde de cousas, o dirixente socialista pediu ao goberno galego “que se fagan os
investimentos necesarios para fortalecer o sistema de depuración de augas” e Ames,
unha cuestión “que require de toda a implicación” da Xunta.
Por último, o dirixente socialista puxo en valor o “magnífico traballo” que está facendo
a corporación local de Ames con Blas García ao fronte, xa que amosa o seu
“compromiso coa veciñanza” e “responde ás necesidades do concello”. “Ames ten un
goberno no que pode confiar, un concello novo que medra e con moitas posibilidades
de futuro”, sentenciou.

BLAS GARCÍA

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, amosou a súa satisfacción pola visita
do secretario xeral do PSdeG, salientando o permanente contacto que mantén co
concello ao longo do mandato para apoiar as demandas da veciñanza e do goberno
municipal de Ames.
O rexedor socialista puxo en valor Pontemaceira como “un dos sitios máis
emblemáticos” do concello, unha zona que é “patrimonio importante de Galicia”.
“Seguimos esperando a declaración de BIC por parte da Consellería de Patrimonio da
Xunta”, sinalou, logo de esta fose solicitada polos concellos de Ames e Negreira xa en
2017.
Por último, García instou ao goberno galego a arranxar os “problemas de saneamento”
da depuradora. “Estamos solicitando unha ampliación e é un proxecto moi importante
para o Concello de Ames”, concluíu.

PSdeG

Preguntado na SER pola posibilidade de que se presentara José Miñones á secretaría xeral do PSdeG-PSOE, o seu sucesor na alcaldía de Ames, Blas García indicou que “Miñones pode presentarse ao queira, se quere” e salientou as condicións políticas e persoais do seu compañeiro de partido. “Por suposto que terá o apoio incondicional da agrupación socialista de Ames”, dixo respondendo á posible presentación da candidatura do actual Delegado do Goberno ao sillón do PSdeG-PSOE, para enseguida engadir que a el non lle consta ter recibido sinais de interese de Miñones polo cargo que agora ocupa Gonzalo Caballero.