29 Outubro, 2021

Guillermo Carracedo: “Encántame viaxar, pero aínda máis volver a casa en Ames”

O surfista Guillermo Carracedo, especializado en surf a remo, vén de gañar o título de campión de España 2021 na categoría SUP olas (sendo as iniciais do inglés Stand Up Paddle, remo en pie). O palmarés deste veciño de Ames de 28 anos inclúe tamén ser subcampión do mundo coa selección española en 2019, entre outros títulos de campión a nivel galego e estatal. Porén, hai outro ámbito no que destaca case tanto coma no surf: nas redes sociais.

A raiz dun vídeo viral a principios de 2020 no que se lle ve surfeando por unha carreteira de Ames inundada pola borrasca Gloria, a súa popularidade en liña non deixou de medrar. Hai un ano tiña 225.000 seguidores en Tik Tok e 45.000 en Instagram, e agora ten a incrible cifra de máis de 1,9 millóns de seguidores na primeira e 77.400 na segunda. Un éxito que lle permite vivir do seu deporte, que é a temática na que se basea principalmente o contido das súas redes, unida á súa paixón por viaxar: como el mesmo di, aspira a ter sempre máis países visitados que anos teña, e polo momento cumple sobradamente ese obxectivo. Unha afición que realiza sempre coa súa táboa as costas, buscando novas augas que surfear incluso nos lugares máis insospeitados.

Ademais de todo isto, Guillermo é fillo do catedrático de medicina da USC e experto en xenética Angel Carracedo. Del herdou, ademais da súa paixón polo mar, a paixón pola medicina, xa que se gradou desta carreira pola USC e se especializou en medicina deportiva. Conversamos con el para saber como combina todas estas facetas da súa vida e cales son os seus seguintes retos logo de conseguir este novo triunfo deportivo.

Hai un ano comentabas nunha entrevista que che deu máis exposición o vídeo viral que fixeches surfeando en Ames que ser campión de España e subcampión do mundo. Agora que tes un novo título, cambiou a situación ou seguen tirando máis as redes?
Seguen tirando máis as redes (risas). Está claro que ao final o surf non deixa de ser un deporte minoritario. Aínda que cada vez teña máis practicantes e haxa un boom de popularidade, é un deporte do que custa moito vivir economicamente falando en canto a competición. Pero teño a sorte de que chego a moita xente coas miñas redes sociais. Todo empezou con ese famoso vídeo surfeando un charco, e agora xa teño en torno a 2 millóns de seguidores. Iso si que me da a oportunidade de poder vivir do surf. Ao final, se queres vivir do deporte, o que tes que facer é ser un reclamo para as marcas, tes que supoñerlles unhas ventas, e tes que chegar á xente. E a verdade é que eu o conseguín a través das redes sociais.

O que esta claro é que nelas tiveches un crecemento exponencial no último ano. Como lle contas a alguén que non teña Tik Tok ou Instagram a que se debe este éxito?
O meu contido é un pouquiño de todo, pero sobre todo é moi persoal, a miña exposición de como son ao público: as miñas aventuras, as miñas paixóns, o meu surf todos os días, un pouquiño do meu día a día en xeral… E logo métolle tamén moito contido didáctico. Explico como funcionan as correntes dunha praia, como recoñecelas, como saír dunha se te atrapa… Explico as mareas, explico as diferentes ondas que hai, explico un pouquiño de todo. Meto tamén cousas de medicina, que xa sabedes que tamén teño esa faceta de médico. A verdade é que fago unha mestura de todo que acabou gustando moito á xente, sobre todo por ser como son, con cercanía e tentando ter os meus seguidores sempre moi ó meu lado.

Como combinas ambas facetas, a deportiva e a de redes? Pode parecer que non, pero ter unhas redes actualizadas e boas é algo realmente esixinte…
Entre oito e dez horas de curro ao día o das redes sociais, e logo catro ou cinco de surf todos os días. Ao final eu sei que do que vivo é das redes sociais. O bo que teño é que o meu contido é o meu día a día, entón todo o que sexa “hoxe vou entrenar aquí”, ou “vou surfear neste sitio”, ou “voume de aventura por aquí a descubrir ondas”, iso todo é contido que ao final vou poder empregar. E a verdade é que non me podo queixar, fago o que me gusta.

Despois de ter viaxado por todo o mundo como surfista, como é volver á casa en Ames?
A verdade é que a min encántame viaxar, eu son unha persoa que ten esa mentalidade de levar máis países visitados que anos teño. Encántame ver sitios novos, viaxar polo mundo… Pero sempre teño morriña e as ganas de volver a casa. Ou sexa, encántame viaxar pero aínda me gusta máis volver a casa. Eu en Ames teño a miña casa, a dos meus pais, onde estou moi feliz e moi a gusto. Entón tento ir todas as veces que podo.

E aproveitas para ter máis intimidade ou xa lle colliches o gusto a compartir o teu día a día?
Ao final non hai nada do que expoña que teña que esconder (risas). Entón estou cos meus cans, e demais, nada que ocultar. Son como son, e de Ames presumo, e de todas as cousas que hai alí.

Con este novo campionato de España baixo o brazo, cal é o teu seguinte reto?
Teño varios retos, como podes ver teño moitas frontes abertas, tanto no ámbito deportivo coma no de redes sociais. Un é ser campión do mundo, é un dos meus soños, entón estou á espera de que haxa mundiais. Esperemos que haxa ao final deste ano, aínda que todavía non nos confirmaron nada. E despois, outro dos meus retos é chegar á cifra exacta de 2 millóns de seguidores. A verdade é que sería un soño, ese paso a ter unha comunidade tan grande. Tamén estou levando unha parte de medicina do equipo de baloncesto Obradoiro, entón gustaríame verlles gañar contra o Barça ou contra o Madrid, facer un bo posto na ACB.