A aceptación por parte da Xunta de Galicia das alegacións presentadas en agosto de 2019 polo Concello de Ames aos novos pregos do anteproxecto de explotación de servizos públicos e de transporte regular de pasaxeiros supón o visto bo a unha serie de ampliación de servizos en distintas rutas. Entre elas, a creación dunha liña de Noitebús que ligue Bertamiráns e o Milladoiro con Santiago de Compostela, así como o incremento do horario de prestación dos servizos de primeira e última hora en varias liñas, o aumento dos servizos de fin de semana, a implantación de nova expedición nalgunhas franxas horarias, ou a inversión no sentido dunha liña.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz, Martínez, mostrou a súa satisfacción pola estimación de todas as alegacións presentadas e destacou que“no novo servizo público de transporte metropolitano vanse recoller moitas das demandas que fixeron os veciños e veciñas de Ames”. O alcalde José Miñones destacou que “todas e cada unha das demandas que se van incluír no anteproxecto do servizo público de transporte metropolitano mellorarán considerablemente o transporte con Santiago e permitirán comezar cunha nova forma de desprazamento máis eficiente e eficaz”.
As alegacións presentadas centrábanse en seis liñas de transporte: ruta da rúa da Rosa – Bertamiráns – A Gándara; ruta da rúa da Rosa – Ameneiro –Casalonga – Firmistáns; ruta da rúa da Rosa – O Milladoiro; ruta polígono Novo Milladoiro – Bertamiráns; e ruta da rotonda de As Viñas – rúa da Rosa. Ademais, propúxose para as fins de semana a creación dunha liña nocturna con parada segura que sexa circular Bertamiráns – O Milladoiro – rúa da Rosa. Finalmente, este Noitebús funcionará con dúas frecuencias arredor das 23:30 horas e dous horarios distintos de regreso, sobre tres e as catro da madrugada.