10 Xullo, 2017

A I Mostra Milladoiro celebrarase en setembro

Os días 22, 23 e 24 de setembro celebrarase a I Mostra Milladoiro

A I Mostra Milladoiro que se celebrará á volta do verán ten como obxectivo reunir aos sectores empresariais, comerciais e profesionais de Ames e a súa contorna, dalos a coñecer e poñelos en valor na bisbarra. Ocupará o espazo dispoñible entre o Pavillón Polideportivo, a Casa da Cultura e o aparcadoiro e tratará de potenciar a relación entre a veciñanza. Contará con actividades para os máis pequenos, eventos para os distintos sectores profesionais, mostras e exposicións, entre as que compre destacar “O Camiño portugués” que contará co apoio da Asociación do Camiño, o Albergue de Peregríns e a parroquia do Milladoiro.

Deste xeito podemos coñecer que os stands representativos do comercio amesán ocuparán o interior do Pavillón de deportes, a exposición das empresas do Concello baixo carpa e stands situaranse no aparcadoiro da Casa da Cultura. Ademais, tamén no aparcadoiro da Casa da Cultura, haberá catro áreas de exposición máis que se dedicarán a automóvil novo, automóvil usado, maquinaria e xardinería e flores.

Cómpre salientar tamén que o sector hostaleiro terá unha importante presenza no evento, posto que se confeccionarán trípticos indicativos con mapa e localización onde figuren os establecementos. Estes trípticos entregaranse gratuitamente nos diferentes stands expositivos da Mostra. Ademais os tres días que dura a Mostra, venres 22, sábado 23 e domingo 24, realizaranse sorteos entre o público a través das rifas que se repartirán entre todos os expositores. Os premios serán entregados por diferentes persoeiros de recoñecemento no Milladoiro. Un concurso fotográfico de mascostas, a festa infantil “Volta ao cole” e radio en directo completan a programación prevista para a I Mostra Miladoiro.