24 Febreiro, 2026

Importante achega do Ames Atletismo Savante á selección galega no Campionato de España de marcha atlética en ruta

O club Ames Atletismo Savante obtivo moi bos resultados o pasado 15 de febreiro en Cieza (Murcia) no Campionato de España de marcha atlética en ruta  por federacións. O Ames Atletismo participou con 4 atletas sendo o club que máis marchadores aportou á selección galega en dita competición.

Na proba de 10 km marcha en ruta, o amesán Nicolás Collazo realizou unha gran carreira logrando o subcampionato de España sub20 e mailo récord galego sub20. Cómpre destacar que o pasado 25 de xaneiro, Nicolás Collazo conseguiu a medalla de ouro sub20, e ademais, logrou ser campión galego absoluto no campionato galego de marcha en ruta.

Ademais, na proba de 10 km marcha sub20 tamén participaron Nadir Moreira e Icía Ares, marchadora do Ourense Atletismo, pero que forma parte do grupo de adestramento do Ames Atletismo, que logrou a quinta posición na categoría feminina. Tamén hai que lembrar, que no campionato galego, Nadir Moreira logrou a medalla de bronce na categoría sub20, e Icía Ares conseguiu un dobre éxito coa medalla de ouro na categoría sub20 e o subcampionato galego absoluto.

Por último, destacar a gran actuación do amesán Juan Pernas na proba de 5 km marcha sub16, onde co resto de compañeiros da selección galega gañaron a competición por equipos.