17 Abril, 2020

Leve incremento nos casos de COVID-19 na área de Santiago

Se onte baixaban as cifras de contaxio na área de Santiago, as últimas horas deixaron un novo incremento en cinco casos, co cal son agora mesmo 1.030 pacientes de coronavirus, cinco máis ca onte pero só un máis que hai 48 horas. No conxunto de Galicia, o número de casos activos sobe de 6.085 a 6.142. A ourensá segue a ser a área sanitaria máis afectada en termos relativos, e a segunda con máis casos da comunidade, con 1.207, logo da Coruña con 1.371. Na de Vigo hai 1.095. Na área de Lugo rexístranse 591 casos activos, 505 na de Pontevedra e 343 na de Ferrol.

Hai actualmente 117 pacientes na UCI por COVID-19 en Galicia, e outros 642 hospitalizados. Case 5.400 pacientes reciben atención no domicilio. Houbo ata agora case 1.500 altas e morreron 415 persoas por COVID-19. As residencias continúan a ser un dos puntos negros desta crise sanitaria, xa que o 44% das mortes están relacionadas coas mesmas. A propia Xunta sinala que “o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 4% do total das persoas residentes”. Fixéronse 57.400 probas entre a poboación.