Preto de 30 persoas participaron o pasado sábado na andaina-limpeza que a Asociación “O Cantiño” de Quistiláns e maila “Plataforma pola recuperación do río Sar” promoveron para reivindicar o coidado da paraxe do río Roxos que discorre á altura da antiga fábrica de papel e chega até o pé do cemiterio dos Batáns, coñecida pola veciñanza de Quistiláns como río do Pego. Os participantes dividíronse en dous grupos e atoparon tanto refugallos que levaban moito tempo nas augas, como desperdicios recentemente guindados ao río. O Concello de Ames, que apoiou a acción a través da concellaría de Transición Ecolóxica, enviou unha brigada para recoller as bolsas de lixo que os organizadores deixaron amoreadas nun punto identificable e de fácil referencia. “Non podemos por máis que estar satisfeitos desta acción; oxalá que a imaxe de todas esas persoas traballando no leito do río e de todo ese lixo extraído, serva de concienciación para que deixemos de facer dos nosos ríos uns vertedoiros”, manifesta o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens.
Limpeza a fondo do río do Pego a cargo de voluntarios