Luma Gómez é, xunto con Eduardo Alonso, a enerxía que impulsa o Teatro do Noroeste, compañía que o ano que ven cumple 40 anos en constante produción. Son veciños de Ames, de Ameixenda desde hai tres décadas e manteñen a paixón polo teatro profesional con dúas liñas claras de traballo desde o comezo: Traer ao galego a autores clásicos e dar espazo aos novos creadores teatrais do país. En novembro estiveron en Bertamiráns con Guerra. En maio, estrearán en Brión Polo de Franco, de Eduardo Alonso e protagonizada por Luma Gómez. Esta actriz consagrada cre que estamos nun bo momento para a interpretación en Galicia e agradece que Ames ceda local de ensaio ás compañías, un emprendemento sempre deficitario.
“En toda a traxectoria dos 40 anos houbo momentos de estar moi ben, de estar mal e de estar horriblemente mal. Con todas, Teatro do Noroeste fixo producción todos os anos, nalgún caso dúas”.
AMSGO: Cáusame curiosidade e, recoñezo que estou ilusionado ante a estrea da obra que estades a preparar no Teatro do Noroeste, Polo de Franco. Temos datas para a estrea?
Luma: Pois vaise estrear o mes de maio en Brión. Un sito preto da casa, nós vivimos en Ameixenda, hai xa trinta anos. Imos estar alí dous días, 15 e 16. E logo estamos preparando unha xira para levara obra a todos aqueles sitios que queiran recibirnos.
AMSGO: Volvamos un pouco ás horixes. Qué vos motivou á creación de Teatro do Noroeste?
Luma: Teatro do Noroeste nace como unha compañía xa profesional. Non ven de unha compañía de teatro afeccionado como hai moitas en Galicia. Nós xa tivéramos outra compañía en Galicia e outra máis en Madrid. Estivemos uns seis anos en Madrid, cando o movemento aquel do teatro independente. Cando foi baixando o suflé de todo aquelo, volvemos a Galicia porque queríamos facer teatro profesional aquí, crear estruturas e posibilidades de facelo. Houbo unha serie de xente que viñemos, Antonio Simón, Xulio Lago, Dorotea Bárcenas, Eduardo Alonso e eu mesma, Xan Cejudo, en fin, un montón de xente que, por razóns obvias, como era complicado facer teatro profesional en Galicia fóramos a Madrid coa idea de integrarnos no teatro independente e de aprender. De volta diso, incorporámonos o Teatro do Antroido e creamos outra compañía que se chamaba Teatro Andrómena. Con estas dúas compañías creouse Teatro do Estaribel. Xuntámonos para facer un espectáculo grande e logo desapareceu.
AMSGO: Qué pasou despois?
Luma: Logo diso, fóronse creando infraestruturas en Galicia. Nós xa viñamos con ideas claras de como crear estruturas de teatro no país, porque xa víramos o que se facía noutros sitios. Apareceu a posibilidade, nun momento en que Luís Álvarez Pousa foi Director Xeral de Cultura, para crear o Centro Dramático Galego, que aínda perdura. O seu primeiro director foi Eduardo Alonso, e alí foi onde traballamos un montón de xente, uns mantendo igual as compañías, outros non as mantiveron, pero fomos traballando. Cando Eduardo rematou a súa estadía no CDG, que non chegou a dous anos, decidimos crear Teatro do Noroeste. O primeiro espectáculo co que aparecemos foi cunha adaptación de Medea e así foi o comezo do Teatro do Noroeste, fai agora 40 anos, no 2027.
AMSGO: Como defines a liña de traballo da compañía?
Luma: Teatro do Noroeste ten dúas liñas de traballo moi definidas. Unha, traer ao galego a autores clásicos de todos os tempos, Shakespeare, Molière, un monton de autores. E incorporar tamén galegos contemporáneos, como Suso de Toro, Miguel Anxo Murado, Lino Braxe, e máis Eduardo, que tamén escribe textos. Neses parámetros é como se desenvolve a traxectoria de Teatro do Noroeste ata hoxe.
AMSGO: A palabra clave parece ser “profesional”. Como se fai para manter unha empresa cultural durante todo ese tempo.
Luma: É moi complicado, e, de feito, en toda a traxectoria dos 40 anos houbo momentos de estar moi ben, de estar mal e de estar horriblemente mal. Non hai unha traxectoria moi tranquila. Con todas, Teatro do Noroeste fixo producción todos os anos e ás veces dúas ao ano. Con subvención e sen subvención. Soportamos este tempo, aguantamos profesionalmente, sempre sen deixar de facer. Hai que empregar todas as ferramentas ao teu alcance, iso desde logo. Buscando funcións debaixo das pedras e ás veces montando as túas propias funcións. Autoxestionando as cousas da compañía…Tratando de inventarte a pólvora. Isa é a realidade.
AMSGO: Falabas antes do compromiso co país da compañía. Supoño que non sempre sería doado, nin na actualidade tampouco, compaxinar financiamento público, subvencións e a sostemento das liñas de traballo das que falabas.
Luma: Neste país valórase moi pouco a cultura propia, sobre todo. Hai que poñer moito do teu. Unha axuda do AGADIR non chega para a nómina de todos os actores, por exemplo. Logo está o vestiario, iluminación, o atrezzo, está todo. Efectivamente hai que arriscar. Algunhas veces con cartos propios, do remanente da obra anterior. Poucas veces sucedes iso. Por esta razón todas as empresas teatrais son deficitarias. Móntanse polo compromiso, polas ganas que temos a xente do teatro de sacar os proxectos como sexa para adiante. Ás veces o que adoita pasar é que ti tes un gran proxecto na cabeza, pero, na realidadeacaba sendo un proxecto máis pequeno. Non direi que máis pobre, porque a xente ten moita imaxinación e trata de suplir con creatividade todas aquelas fallas de escenografia, por exemplo. E hai moito de sacrificio persoal. Se o último que cobras es ti, como empresa, pois cobrarás cando cobres.
AMSGO: A nivel persoal, que balance fas de ter dedicada a vida ao teatro? Non me imaxino doado estar un día en Ferrol, no salón da túa casa e dicirlle a teus pais aquilo de Concha Velasco, quero ser artista.
Luma: A min iso pasoume no instituto. Unha compañía do Instituto Masculino, Teatro Estudio, de bastante prestixio en Ferrol, viñeron buscar rapazas. Eu apunteime. O espectáculo era Suplicantes, unha adaptación de Eduardo Alonso, a quen coñecín daquela. Hai moita xente que traballei con ela xa desde aquela época do instituto. Desde entón enroleime a facer teatro. Na casa, curiosamente, aínda que estaba estendido o pensamento de que si te dedicabas ao teatro non eras decente, tomárono moi ben. Iso que daquela todo o complicaba o franquismo. Estaba todo prohibido. Con todas saímos adiante.
AMSGO: Tamén fixeches cine e televisión. Pero parece que en todas as artes hay un pau que tira máis. O teu perece que é o teatro, non si?
Luma: A ver… eu son copropietaria da compañía Teatro do Noroeste. Polo tanto podo tomar decisións. No cine non podo tomar decisións, ou me chaman ou non me chaman, entón si me chaman estupendo, do contrario eu podo tomar a decisión de facer algo. Un monólogo, o que sexa, pero non estar parada. Iso é unha vantaxe importante. Para min é moito máis viable poder facer teatro que facer cine ou televisión, que dependo de outros.
AMSGO: Es un exemplo de muller creativa e emprendedora. Poderíamos facer unha reflexión polas dificultades engadidas ao traballo de emprendedora e intérprete teatral, pola condición de muller?
Luma: Imaxínate Ferrol daquela. Por un lado estaba Astano, que eran os obreiros e por outra banda o exército, estaba a Capitanía, un ambiente moi pechado. Pero nós tratamos de facelo como fora, é o que ten ser novo. Cando es novo e tes vocación podes empregar unha cantidade de enerxía impresionante. Logo vas tendo un desgaste ao longo do tempo. Entón empregas máis coñecementos prácticos e menos enerxías. Pero ao comezo non hai dios que te pare. Cando te empeñas en facer unha cousa… e houbo moitas máis coma min, que chegamos ata hoxe.
AMSGO: E hoxe vivimos un momento creo que bo para a ficción e os actores e actrices do país. Rachouse co mito de que os actores galegos só valían para secundarios e papeis moi estereotipados?
Luma: Eu creo que más que rachar co mito houbo un descubrimento. De repente había xente profesional que podía igualarse a claquera, como Tosar, por exemplo, eu traballei con el e é moi serio e traballador. Aparece unha serie de actores que van de protagonistas a secundarios que poden facer o que se precise porque están preparados. Pero iso é agora, eu marchei para Madrid porque en Ferrol non tiña onde aprender, nin en Galicia.
AMSGO: Crees que a nivel formativo estamos a nivel?
Luma: Creo que o CDG, a Rede de Teatros Auditorio, fóronse creando estruturas teatrais. Tamén fomos conscientes de que se precisaba unha escola de teatro. En Vigo hai unha Escola de Arte Dramática. Tamén ese plano está cuberto. Sae moitísima xente que sae desta escola e hai xeracións enteiras de actores, que uns buscan ser famosos e meterse na televisión. Pero outros crean compañías, máis grandes ou máis pequenas, pero de calidade.
AMSGO: Vaiamos un momento ao local. Como ves a oferta cultural, ou polo menos no relativo á escena, en Ames?
Luma: Véxoa moi ben.
AMSGO: Eu teño unha queixa. Moitas veces parece que falta un día máis de cartel, unha segunda oportunidade de conseguir entradas.
Luma: Isa é unha loita que temos en moitos teatros, sobre todo nas cidades. Ao mellor hai un par de eles que vas dous días, pero nin sequera en Santiago, que tes todo vendido, proporcionan un segundo día. Eu creo que Ames xa ten esa capacidade, e senón a ten debe crear esa posibilidade económica de cubrir un segundo día para crear público. Non se trata só do público que ven os venres á sala, tamén se poden crear funcións para xente nova, institutos, etc. promover o teatro nesas idades que son tan complicadas e que os rapaces non saben moi ben que facer. Sería boa idea un segundo día. En Milladoiro a sala é moi pequena y en Bertamiráns é un pouco máis grande. Pero case sempre está chea. E logo non quixera deixar de destacar que hai unha cousa que se empezou a facer no Concello de Ames. A sorte de poñer a disposición das compañías un local de ensaio. Para poder ensaiar o espectáculo. Recomendo que se faga e se organice ben e se estenda por máis concellos. Moitas compañías non poden pagar un local propio. Non alcanzan capitalización suficiente para poder pagar un local e un sito para o ensaio é unha axuda importantísima por parte do Concello de Ames.