29 Xuño, 2021

Mañá arrinca a preselección do ‘Canta con Ames’

A fase de preselección do concurso de karaoke ‘Canta con Ames’ dará comezo a partir de mañá. Será no Milladoiro, na Praza de Manuel Murguía, ás 17h. A segunda parte da preselección desenvolverase o día 3 de xullo -sábado- en Bertamiráns. En cada unha destas xornadas tomarán parte 14 persoas repartidas en 3 categorías (infantil ata 12 anos, xuvenil ata 21, e sénior en adiante). Na categoría super sénio (maior de 61) non hai participantes. Hai inscritas persoas, ademais de Ames, de Padrón, Sanxenso, Cee, Carballo e Negreira.

Logo desta preselección haberá un máximo de 20 persoas que pasarán á semifinal, nas festas do Milladoiro. Será o 28 de xullo na mesma praza, cadrando coa celebración da Madalena. Cada cantante interpretará unha canción ou un fragmento en galego, en castelán ou en inglés, sempre menos de 2 minutos por participante. Da semifinal sairán 8 clasifiados para a fase final. As outras doce persoas recibirán vales para gastar no comercio e na hostalaría local.

Final

Bertamiráns acollerá o 7 de agosto a final do concurso no parque do Ameneiral. Coincidirá coa celebración das festas da Peregrina. Os aspirantes interpretarán dous temas de diferente estilo musical. Todos os participantes da final levarán como premio un trofeo, unha cesta natural e un vídeo do seu paso polo concurso. Cada semifinalista recibirá tamén un cheque de 30 euros para investir no comercio local. Os gañadores obterán un cheque de 100 euros, tamén canxeable no comercio local, e poderán se así o desexan cantar nas prebadaladas de fin de ano.

Na final poderanse interpretar temas enteiros de ata catro minutos. Os gañadores daranse a coñecer o mesmo día da final.

O xurado
O xurado da fase presentación e da fase de preselección estará composto por 3 membros nomeado por resolución de alcaldía entre persoal que participe na organización da actividade. O xurado da fase semifinal e da final estará composto por 3 membros nomeados por resolución de alcaldía entre profesionais do mundo da música.

Os criterios que terán en conta os membros do xurado son a harmonía, o ritmo, a afinación, o dominio da escena e a interpretación. Tendo en conta os criterios de avaliación, cada membro do xurado dará a cada participante de 1 a 10 puntos por actuación.