Mañá, mércores 23 de decembro, entra en vigor o novo convenio do transporte metropolitano entre a Xunta e o Concello de Ames. A ampliación de servizos afecta a distintas rutas.
A liña de Bertamiráns ampliará a súa frecuencia de primeira e última hora, ademais de crearse novas frecuencias en fin de semana. A liña do Milladoiro, pola súa banda, tamén terá ampliación a primeira e última hora nas frecuencias, e terá unha frecuencia de 15 minutos polas tardes. A ruta de Firmistáns ampliarase ata as 23:30h.
Por outra parte, a liña do Polígono do Milladoiro a Bertamiráns ampliará frecuencias aos sábados e mellorará os horarios. A liña das Viñas a Santiago invertirá a ruta da primeira frecuencia para conectar co parque empresarial do Milladoiro.
Haberá Noitebús en fin de semana entre o Milladoiro, Bertamiráns e Santiago. Tres liñas terán parada en Bertamiráns e unha no Milladoiro.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, mostra a súa satisfacción pola entrada en funcionamento das novas liñas despois das alegacións presentadas, e destaca que “no novo servizo público de transporte metropolitano recóllense moitas das demandas que fixeron os veciños e veciñas de Ames. Son demandas coherentes, polo que éramos positivos á hora de pensar que se podían incluír no novo contrato”.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, explica que “os pasos que estamos a dar en materia de mobilidade son os máis importantes dos últimos anos. Conseguir a mellora de liñas, paradas e horarios no transporte metropolitano, permitirá un gran avance, moi demandado pola veciñanza”.
Ademais, o Concello de Ames está inmerso na elaboración do Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible (PMUSS). Dende 2008, Ames medrou un 25% en poboación, que se instalou fundamentalmente en contornas urbanas e nos periurbanos dos dous principais núcleos locais, o Milladoiro e Bertamiráns. Dentro desta poboación, Ames destaca por ser o concello máis novo de toda Galicia, cunha media de idade de 38 anos e un perfil mozo que demanda un transporte eficiente.
O Plan de Mobilidade servirá de guía para levar a cabo actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade a realizar no futuro. Coa creación dun Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible preténdese aporta unha mellora na calidade de vida dos cidadáns diminuíndo a contaminación acústica e atmosférica, xa que este é un elemento central en calquera política climática, podendo crear así espazos máis limpos e atractivos para a cidadanía, e aumentando a seguridade viaria. Outro dos obxectivos é dispor dunha mobilidade conectada e sostible xa que asegura as necesidades das persoas e as empresas de forma efectiva. Por último, unha cidade organizada e sostible é moito máis atractiva para os inversores, polo tanto, atrae novos negocios e empresas, e de forma indirecta estaríanse a crear novos postos de traballo.