A programación de artes escénicas de Ames do primeiro semestre de 2022 continúa mañá, venres 21 de xaneiro, coa comedia “Estrela do Día”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Será ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra promete unha visión actualizada dos milagres de Santa María aplicados aos problemas dos nosos tempos. “Estrela do Día” é unha experiencia para que o público recupere a fe no teatro, o único lugar “onde os milagres aínda son posibles”.
Para conseguilo, revívense en escena parte dos máis de 400 milagres recollidos nos códices que se conservan das Cantigas de Santa María, obra do século XIII encomendada polo rei Afonso X. Neles, a virxe adquiría formas sorprendentes e actuaba de maneiras impensables para a imaxe que asociamos a esta figura relixiosa hoxe en día. Deste xeito, e con personaxes sacados directamente das miniaturas medievais, coñeceremos historias doutros tempos que nos recordan á actualidade: os soldados que foxen da guerra, a moza obrigada a casar, os expulsados das súas casas amoreados, os presos por roubar comida, a que foxe da manda de brutos que a acosan ou a que procura a curación da enfermidade mortal. Cada protagonista verá resolvido o seu problema grazas á intervención divina de María, que buscará iluminar coa súa aura estes tempos de desánimo.
A obra, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, é a segunda proposta do ano da programación de artes escénicas amesá, despois de que a semana pasada se abrise o itinerario con “Gloria Nacional”, tamén en Bertamiráns. Para o próximo venres 28 será xa a quenda da representación de “O mozo da última fila”, da compañía Redrum Teatro.