3 Febreiro, 2026

María Pazos: “Un estatuto propio para os médicos e facultativos redundaría tamén nunha mellora da calidade asistencial”

Os sindicatos veñen de  anunciar a convocatoria dunha folga nacional indefinida de médicos e facultativos que comezará o próximo 16 de febreiro para seguir adiante coas mobilizacións contra o borrador de Estatuto Marco do Ministerio de Sanidade.

O Comité de Folga pretende con estas accións o obxectivo de lograr un estatuto propio do médico e o facultativo, o formato acordado para estes paros é o dunha semana de folga ao mes.

María Pazos, portavoz de O´MEGA é internista no CHUS e veciña de Ames. Con ela falamos desta reclamación dun estatuto propio para os médicos e facultativos e da situación da Sanidade Pública en xeral. 

AMSGO: Qué pedides os médicos ao Goberno?

María Pazos: Temos unhas reivindicacións a nivel nacional e outras a nivel autonómico. A nivel nacional, o conxunto de médicos en España estamos a pedir un estatuto propio. Explícome, os médicos estamos enmarcados desde o 2003 nun estatuto, que rixe as nosas condicións básicas laborais, a nosa especial situación funcionarial etc. e que é o estatuto de todo o persoal sanitario. Desde un pinche de cociña ata calquera outro persoal do hospital ou dos centros médicos que teñan a condición de funcionario. Que problema temos con isto? Pois que á hora de negociar as condicións laborais, a porcentaxe da categoría médicos dentro de todo este conglomerado de persoal que se precisa para que funcione o Sistema Sanitario é unha porcentaxe pequena, en Galicia en torno ao 14%. Así que nós non soemos estar nas mesas de representación e, por tanto, non somos os que negociamos as nosas propias condicións laborais. Se as condicións laborais foran semellantes ás do resto, non habería problema, pero non é así. Os médicos temos unhas condicións laborais distintas ás do resto, especialmente porque facemos gardas. Temos 48 horas en cómputo semanal o que significa que facemos unhas 60 ou 70 horas anuais de xornada complementaria. Queremos un estatuto propio para que os médicos poidamos decidir ou negociar as nosas propias condicións laborais. 

AMSGO: Pero as competencias están transferidas ás comunidades. 

María Pazos: Por iso, aínda que reivindicamos ese estatuto marco, que sería como o teito, pero, dentro da autonomía hai moita capacidade de lexislar melloras. Podería mellorarse o estatuto marco actual. Nós queremos que, a medio ou longo prazo se consiga un estatuto propio de marco nacional, pero por outro lado, a curto prazo reclamamos outras cousas á Xunta. Pedimos melloras na xornada laboral. Deixar de traballar as 24 horas seguidas. Ninguén, ou a grande maioría dos profesionais como controladores, pilotos, conductores, poden traballar por lei tantas horas seguidas, porque deben estar en condicións optimas para tomar decisións. Sen embargo, os médicos, que temos nas nosas mans a vida de outros, obrígasenos a facer as gardas. Hai unha crenza de que os médicos queremos facer as gardas porque queremos gañar máis diñeiro. Pois non. Hai unhas gardas obrigatorias ata os 55 anos. 

AMSGO: Parece que o que contas vai en contra do que fan os lexisladores na actualidade. Sempre que sacan novas leis din ter en conta a mellora das condicións, rebaixando os horarios e facilitando a conciliación e o ocio. No caso dos médicos parece que as cousas van na dirección contraria. E logo tamén tedes que loitar coa idea de que si se deixa tempo libre aos médicos, non descansarían, senón que botarían máis horas na privada.

María Pazos: Non comparto esta crenza. Agora mesmo o que di a administración é que ten poucos médicos. Cada vez hai máis xente que deixa a pública e vaise para a medicina privada, deixando a pública. Porque as condicións son mellores. Outro caso, ao que creo que te refires, é a aqueles profesionais que compatibilizan a pública e a privada. Neste caso, o médico traballa na pública todas as súas horas e logo a administración deixa compatibilizar e no tempo libre vai traballar á privada. Sería discutible se é bo que a administración permita estas compatibilidades. O problema non é este o problema está en que á xornada ordinaria, estamos obrigados a facer a xornada complementaria, as gardas. E isto só lles pasa aos médicos, o resto de categorías non.

AMSGO: Por exemplo?

María Pazos: As enfermeiras e auxiliares e outras categorías que dan un servizo 24/7, que estamos todos de acordo que hai que dalo. Pero estes profesionais fan o servizo organizado a quendas. A súa xornada ordinaria está nesas quendas. Non fan 48 horas semanais, fan 20 ou 18, porque cada noite que fan quítalles xornada ordinaria. 

AMSGO: Como en calquera outra profesión. 

María Pazos: Por iso estamos os médicos en folga. Porque queremos facer como o resto de profesionais, como os policías, ou os bombeiros que tamén traballan 24/7. Isto das gardas ven do ano 1966, cando se aprobou o réxime de gardas en España. A sociedade agora é completamente distinta. Antes, seguramente a demanda de asistencia non era tanta, a carga de traballo non era tanta, e daquela non había mulleres médico, non había homes implicados no ámbito da familia. A muller asumía o rol de ama de casa e o médico non tiña obrigas fora do exercicio profesional. Nos últimos 60 anos a sociedade ten cambiado. As mulleres somos maioría no colectivo médico e hai moitos máis homes que reclaman tempo para atender as súas familias. 

AMSGO: Agora mesmo as universidades pelexan por expandir as facultades de Medicina. Moita xente estudia Medicina, vemos as enormes colas para facer o MIR, pero, á hora da verdade, non hai facultativos. Por que non está ese persoal formado na Sanidade Pública?

María Pazos: Eu creo que é porque non hai vontade política de mellorar as condicións do persoal médico na pública. Isto fai que haxa fugas ao estranxeiro. Pero a principal fuga é cara a privada. Teño casos cercanos de compañeiros que din non aguanto máis, hai un boom da sanidade privada e ofrecen maiores salarios polo mesmo traballo. A xente marcha para a medicina estética, por exemplo. Sobre todo médicos de atención primaria. Ten que haber vontade política para reter ese talento, os mellores marchan, e é polas condicións laborais. 

AMSGO: Pois o que parece é ao contrario. Todas as administracións, pero nomeadamente a de Madrid parece tirar cara o apoio á privada. Parece que a xestión privada do público puidera ser a solución, pero hai denuncias do deterioro que se produce na atención e no servizo. 

María Pazos: Imos ver. En Galicia só está o caso de POVISA que é a través de concerto, en Vigo. Pero en Cataluña e en Madrid hai moita xestión privada. E o que me achegan os compañeiros e compañeiras é que esta non suùxo unha mellora das condicións nin salariais nin de traballo. Cando unha empresa privada, que quere gañar diñeiro, ponse a xestionar o público as cousas van peor. 

AMSGO: Pois volvendo ao público. Que percepción tedes desde o sindicato sobre a opinión da cidadanía, son receptivos a unha mellora das condicións laborais dos médicos? 

María Pazos: No meu entorno creo que si. Este movemento dos médicos non se agardaba, pero agora todos imos contando a nosa realidade e a xente empeza a saber que non libramos por facer as gardas nin cobramos tantos miles de euros por facelas. Dar a coñecer a realidade dos médicos, que nons temos nin soldos tan elevados nin descansos tan esaxerados, a xente, os pacientes, empatizan. A nosa reivindicación tamén é por mellorar a calidade asistencial que damos. Eu, como paciente quero que, o que me opere estea na súa hora 2, non na hora 20. 

AMSGO: Qué pasa en atención primaria? Chega a haber ata agresións aos facultativos. 

María Pazos: Pois que teñen xornadas de ata 60 pacientes na axenda e fan sete horas, normalmente de 8h a 15h., Iso para o profesional é inasumible, porque vas para a casa coa sensación de non ter feito ben o traballo. Nese contexto, no que  ao mellor algún facultativo se para algo máis da conta cun determinado paciente, provoca o enfado do outro paciente que agarda na sala de espera leva a episodios de agresións como os que estamos a ver. 

AMSGO: Para rematar, neste momento, tal como van as cousas. Estamos a xogarnos a Sanidade Pública, tal e como a coñecemos?

María Pazos: Si. Eu creo que ou melloramos as condicións do colectivo de profesionais da Sanidade Pública ou o sistema racha. Tamén é certo que falta educación sanitaria. Como poboación cada vez somos máis demandantes. O sistema é gratuíto e somos como somos. Abusamos un pouco da necesidade de inmediatez. Por exemplo os servizos de urxencias, que por culpa das demoras son unha porta máis de entrada ao sistema sanitario. Poño de exemplo algo que me lembrei estes días. Cando foi o accidente do Alvia en Compostela eu estaba en Urxencias e vivín o caso en primeira persoa. Pedimos que quedaran só os casos  de verdadeira urxencia porque tiña sucedido un grave accidente, a sala de espera quedou baleira. Incluso nas plantas houbo pacientes que pediran a alta voluntaria. Un verdadeiro xesto de xenerosidade. Falta pois educación sanitaria para coñecer os recursos e organizalos ben.