12 Maio, 2017

Moncho “LA AMENAZA” Mirás ten pelexa no Sar

O boxeador de Ames, Moncho Mirás, defende o título de Campión de España na categoría Gallo diante do mallorquino Momen Mahdaj

O amiense Moncho Mirás defenderá hoxe pola noite o Campionato de España de boxeo na categoría “gallo”. O aspirante será o mallorquino Momen Mahdaj. A edil de Deportes de Santiago, Noa Morais, acompañou ao deportista en Raxoi na presentación do combate. Tamén estiveron o seu mánager, Chano Planas, e o adestrador do club organizador, Manuel Diéguez.

A pelexa será ás 12 da noite no Multiusos Fontes do Sar. A partir das 10, os afeccionados poderán gozar xa do espectáculo, pois antes do combate estrela celebraranse outros para ir animando a festa. Haberá un total de seis pelexas entre os mellores e as mellores de Galicia. En Sar estarán David Aller, Sergio Varela, Óscar Branco, Lucía Rogel, Diego Couceiro e Ramiro Brey. O prezo das entradas para esta velada será de 10, 15 e 20 euros.