9 Xuño, 2017

Noites na terraza arranca o 10 de xuño

A través desta iniciativa trátase de dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro e de animar as noites de verán

Volve o programa de Noites na Terraza con oito xornadas de música, que se desenvolverán en varios locais do Milladoiro entre o 10 de xuño e o 4 de agosto. O primeiro deles terá lugar este sábado na cafetería Curmáns, onde actuará o grupo Club Naval, que ten unha longa carreira musical que empezou a principios dos anos 80. A través desta iniciativa trátase de dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro e de animar as noites de verán, para que a veciñanza goce do seu tempo de lecer ao tempo que escoita actuacións de grupos galegos.

Esta edición comeza o sábado 10 de xuño coa actuación do grupo Club Naval na cafetería Curmáns. A segunda xornada do programa desenvolverase o venres, 16 de xuño, na cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, onde actuará o grupo Nueva Era.

As Noites na Terraza continúan o último venres deste mes, o 30 de xuño, coa actuación da banda de Nash na cafetería Central. Xa no mes de xullo seguen as actuacións. O 7 de xullo actuará o dúo Calú no café – cervexería Gallaecia, mentres que o 14 de xullo tócalle a quenda ao grupo musical Versus, que actuará xunto á cantante amesá, Thais Rudiño, recente finalista do programa de televisión La Voz, na tapería Entreportas.

O venres 21 de xullo celebrarase unha nova xornada coa actuación do grupo Soul & Roll no café – bar 500. As actuacións deste programa volverán á cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro o venres, 28 de xullo, da man de Ángel América. A última actuación será o 4 de agosto na cafetería La Llama coa actuación de Aixa Romay. Todas as xornadas de Noites na Terraza comezarán ás 21:30 horas.