Genma Otero, economista de formación e funcionaria na administración autonómica, é terceira tenente de alcalde no Concello e portavoz municipal do grupo Contigo Podemos, que se integra no mesmo espazo político que a candidatura autonómica Galicia en Común. Ante a cita electoral do domingo, conversamos con ela sobre a política da Xunta cara a Ames, que valora negativamente, e sobre as necesidades municipais.
Que balance facedes da lexislatura autonómica 2016-2020 para Ames?
O balance que facemos da lexislatura en canto ás políticas autonómicas cara a Ames é negativo, porque non recibimos apoio en moitas das iniciativas que dende o Goberno local puxemos en marcha. Refírome a temas como o plan de prevención de incendios. A Xunta centra o seu esforzo na extinción, esquecendo que a solución real pasa pola planificación e prevención. Ese tipo de políticas non interesan á industria de extinción. Nós quixemos apostar pola valorización do noso monte, por pór en marcha políticas colaborativas coa veciñanza que demostraron ser un éxito. Estamos, pois, moi desgustados coa falta de apoio ao Concello por parte da Xunta.
Outra das preocupacións que temos no eido medioambiental, na que non tivemos ese apoio, é a contaminación do río Sar. A depuradora de Sisalde precisa dunha ampliación que é competencia autonómica, e non recibimos resposta. Temos que facer pequenas obras dende o Concello con grande esforzo para poder ir solventando a problemática cando sabemos que non é a nosa competencia. Parécenos que é un dos problemas medioambientais máis importantes do municipio.
Ademais, somos un concello moi novo, cunha media de idade de 38 anos e moi alta taxe de crecemento, pero non recibimos o apoio necesario da Xunta ante esta realidade. Temos que pelexar, incluso, no ámbito educativo -se ben houbo ampliación de centros, foi grazas á nosa insistencia en lembrar á Xunta os nosos problemas de crecemento-. Tivemos que dar unha loita permanente para que os rapaces non marchasen a outros concellos. Fixémolo obrigados a afrontar investimentos importantes con fondos propios -comedor do centro de Barouta, no CEIP da Maía…-. Todo con fondos propios do Orzamento local que supliron competencias autonómicas. Pero a comunidade educativa precisaba dunha resposta, que dende a nosa responsabilidade demos nós. Como estas, houbo moitísimas actuacións de investimento que tivemos que asumir malia non ser a nosa competencia.
Coa COVID-19 tamén sufrimos unha falta de apoio. Foi unha cuestión especialmente dolorosa, porque nin resposta tivemos da Xunta, tendo que artellar nós un mecanismo para facer chegar materiais educativos ás casas grazas ao voluntariado, traballadores municipais, Protección Civil… Son pequenas cousas que eludiron facer. Nos obxectivos básicos do PP non está mellorar a educación nin a sanidade, senón recortalas e privatizalas. Buscan amosar que o público non funciona. O público, cando ten medios e persoal, por suposto que funciona.
Non nos importa asumir competencias e dar servizo, pero sen o financiamento adecuado afogamos. Este é un sentimento xeral de todos os Concellos, e así o traslada a FEGAMP sen recibir resposta. Escoitámoslles promesas en época electoral sen sequera falar cos concellos, sen saber como financiar e artellar as actuacións. É unha propaganda brutal. Temos que apostar xa por un cambio de Goberno na Xunta.
Que se xoga Ames nestas eleccións?
Son moitísimas as necesidades que ten o noso Concello. Dende o ámbito educativo, temos unha ampla comunidade escolar (dous IES, centros de primaria…). Desde o goberno autonómico precisamos investimentos e non pór parches. Hai que afrontar unha planificación no eido educativo das infraestruturas educativas no noso concello. Hai déficit de espazos comúns-hoxe en día úsanse bibliotecas para aulas informáticas, patios cubertos para actividades…-. Son investimentos competencia da Xunta. Temos moitísima esperanza nun goberno de esquerda na Xunta o día 12. Nós como concello petaremos dos primeiros á porta, porque é unha demanda que leva moito tempo sobre a mesa e ten que ser atendida. Temos un dos índices de nacementos máis altos de Galicia e de España.
No eido mediambiental, debemos resolver de xeito inminente a problemática da contaminación do Sar e a construción da nova depuradora. Temos unha poboación de 32.000 habitantes cunhas infraestruturas de hai 20 anos. A Xunta axuda a concellos de menos poboación cun goberno da súa cor, pero nós que temos esa demanda dende hai anos non temos resposta. Ames ten que ser un concello para vivir, e fáltannos pequenas grandes cousas.
Que expectativas ten o seu espazo político nestas eleccións?
Contigo Pódese apoia a Galicia en Común. En precampaña tivemos un acto coas persoas que integran a candidatura: Antón Gómez-Reino, Martiño Noriega, Luca Chao… Os nosos obxectivos son claros. Somos un espazo diverso que loita para que os sectores estratéxicos privatizados sexan públicos (sanidade, educación, subministro sanitario -como demostrou a COVID-19 que era necesario-, enerxía…). Queremos revertir ese proceso de privatización do público, amosando que o público funciona, cando se dota de medios. Temos que apostar polos nosos profesionais, e pola investigación, e polos servizos esenciais. No ámbito municipal, nós estamos traballando nun estudo detallado para municipalizar a auga, e sempre atopamos trabas administrativas que haberá que cambiar. Non pensamos en termos de rendibilidade, senón de servizo público. A política é xestionar a cousa pública, e esperamos que o día 12 haxa un cambio para poder amosar que si se pode. O mesmo que amosamos no Concello de Ames, que somos un goberno tripartito que nos últimos anos fixo moitas cousas en común, con sintonía, colaborando e defendendo o público, cunha administración aberta á cidadanía e sen practicar unha política de favores.