Nos últimos 14 días o número de novos casos de COVID-19 identificados en Ames foi de 17. O mesmo valor, hai unha semana, era de 33. Isto significa que a detección de novos casos ten baixado case un 50% a fin de mes respecto á semana previa. Os datos, á luz das declaracións do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na Radio Galega onte pola mañá, convidan ao optimismo en relación coa relaxación das restricións vixentes no municipio e na zona de Compostela, que poderían ser revisadas mañá á baixa.
A última cifra de casos activos confirmada pola Xunta ao Concello é de 28 casos activos, con 390 persoas en seguimento por estar en contacto estreito con algún caso positivo.