A parcela na que se está traballando está pegada ao leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local
Esta semana comezaron os traballos de acondicionamento para habilitar unha nova zona de estacionamento detrás da rúa Alcalde Lorenzo, na localidade de Bertamiráns. A través desta actuación vaise ampliar o actual leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local e do departamento de urbanismo. Co acondicionamento desta nova parcela vanse incrementar en máis de 150 o número de prazas de estacionamento neste céntrico lugar de Bertamiráns. O obxectivo do goberno municipal é dispor de máis prazas de aparcamento para mellorar o tránsito peonil e promocionar o comercio amesán.
Esta actuación enmárcase dentro dun plan de mellora e ampliación da áreas de estacionamentos dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, a finais do pasado mes de xuño finalizaron os traballos de pintado para reordenar as prazas de aparcamento na contorna do pavillón polideportivo de Bertamiráns. A través destes traballos habilitáronse 82 prazas de estacionamento para vehículos, 2 para persoas con diversidade funcional e 4 para motocicletas. Estas tarefas enmarcáronse dentro das actuacións acordadas coa comunidade educativa do CEIP A Maía para mellorar a seguridade viaria na contorna deste centro educativo, xa que motos pais/nais aparcan neste aparcadoiro para ir andando ata este colexio.
Estas actuacións continúan agora durante o mes de agosto coas obras para habilitar unha nova zona de estacionamento detrás da rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. A parcela na que se está traballando está pegada ao leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local e do departamento de urbanismo. Previamente, o goberno municipal estivo negociando cos propietarios desta parcela de 4.400 metros cadrados co obxectivo de conseguir unha cesión temporal desta finca. O obxectivo é que poida ser usada como aparcadoiro e para desenvolver nela diferentes actividades municipais.