4 Agosto, 2020

O incendio de Bugallido deixou 21 hectáreas queimadas.

Esta tarde produciuse un incendio na finca colindante a unha casa en Tarrío, Ames. O incendio está controlado e bombeiros e Protección Civil evitan que salte a vivendas próximas. Helicópteros están axudando á extinción. O camiño de acceso á aldea está cortado sentido Bertamiráns pola estrada de Ortoño a Osebe.

No operativo de extinción participan dous hidroavións. Testemuñas presenciais aseguran que o fume é visible dende Brión e Rois. 

Protección Civil de Ames informou de que recibiu a alarma arredor das 7 da tarde por parte do Distrito de Ordes, e acudiron dous voluntarios para certificar o incendio. Durante a tarde e ata cerca da 1:15 da madrugada estiveron colaborando coas brigadas forestais da Xunta e o Ges de Brión. Por sorte o lume non chegou ás vivendas, aínda que en Tarrío chegou moi preto.

Traballaron 10 voluntarias e voluntarios coas Brigadas da Xunta, Ges de Brión, Policía Local de Ames, Garda Civil, Policía Autonómica, varias motobombas, 2 hidroavións, 2 avionetas, 3 helicópteros, 2 buldócer, Brigada Medioambiental do Concello, camión de Urbaser, tractor municipal, etc. Un gran despliegue de medios que evitou que se ocasionasen máis danos. Tamén estivo o alcalde, José Miñones, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, e o de Protección Civil, Blas García.

A Consellería de Medio Rural deu por extinguido o incendio pasadas as 7 da mañá, logo de queimar 21,5 hectáreas, segundo informou Blas García. Delas, 18 foron de árbores e 3,5 de monte raso.

Blas García informou ademais de que outro lume en Buceleiras “que se colleu a tempo ocasionou danos na liña telefónica deixando sen servizo a varios centos de veciñas e veciños”.