17 Febreiro, 2022

O amesán Borja Golán gaña o 17º campionato de España absoluto de squash

As instalacións do Squash Club Santiago do Milladoiro acolleron esta pasada fin de semana o campionato de España absoluto de squash no que o amesán Borja Golán sumou o seu décimo sétimo título estatal. Golán venceu na final por tres sets a cero ao catalán Iker Pajares. Dende o ano 2002, no que gañou o seu primeiro campionato de España, o xogador amesán gañou dezasete campionatos nacionais. Nas últimas tres edicións impuxéronse Edmon López e Iker Pajares que conseguiu dous torneos nacionais consecutivos. Nesta edición, Borja Golán volveu a sumar un novo campionato de España ao seu palmares. Na final feminina, Cristina Gómez, impúxose a Pilar Etchechoury.

O campionato de España absoluto de squash disputouse entre os días 11 e 13 de febreiro nas instalación que ten o Squash Club Santiago no Milladoiro. Borja Golán xogaba ante o seu público e conseguiu o seu décimo sétimo campionato de España despois de gañarlle na final ao catalán Iker Pajares. Superou ao xogador de Sabadell en 54 minutos de partido cuns parciais de 11-5, 11-8 e 11-7 cun squash de máximo nivel e marcando en todo momento o ritmo do partido.

Golán fixo a seguinte valoración sobre o campionato disputado a pasada fin de semana no Milladoiro: “Nun torneo deste tipo sempre é importante que os primeiros partidos non sexan demasiado esixentes e eu este ano creo que tiven sorte co cadro que me tocou. Tocáronme xogadores difíciles pero pola outra parte do cadro ían os mellores, entón eu cheguei máis fresco que Iker á final e iso sempre se nota. Aínda así tiven que xogar o meu mellor squash para poder ganarlle”. Ademais destacou “este ano cheguei relaxado e iso sempre axuda porque xogas con menos tensión. Atopeime ben toda a semana e puiden desfrutar ao máximo de cada partido”. Sobre a final, o xogador amesán explicou “saín moi concentrado, sabendo que non podía cometer erros. Ese era o camiño para poder ter opcións de ganar a final e a verdade é que saíron ben as cousas. Ese día movinme moi ben na pista, xoguei con moita confianza nos meus golpes e cando todo funciona é máis fácil”. 

Ademais, Borja Golán destacou que hai unha gran xeración de novos xogadores de squash. “Nos últimos anos fixen bos partidos e xoguei tres finais do campionato de España, pero a nova xeración de xogadores está apertando moi forte e non puiden sumar novos títulos.  Eu seguín sempre con ilusión, adestrando ao máximo, e o deporte ao final sempre che dá novas alegrías e esta foi unha delas”.

De cara aos vindeiros meses Borja dixo que ata o mes de xuño vaise centrar en disputar diferentes campionatos internacionais e tamén xogará coa selección española o campionato do mundo en Exipto no mes de maio. O próximo torneo que vai disputar vai ser en Chicago o 23 de febreiro. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca a figura de Borja Golán que “é unha referencia tanto a nivel nacional como internacional no mundo do squash. Dende o Concello de Ames dámoslle os parabéns por este novo campionato de España, pero tamén por seguir sendo un referente para moitos nenos e nenas do concello que comezan a practicar este deporte. Dende o Goberno municipal seguirmos apostando pola práctica deste deporte como xa estamos facendo nos últimos anos a través das Escolas deportivas de Ames”.