Aínda nun Nadal tan atípico, o Apalpador baixa das montañas do Courel para visitar ás nenas e nenos amesáns. O contador Anxo Moure volve transformarse, un ano máis, nesta xa emblemática figura do Nadal galego que vén sendo recuperada dende hai 15 anos por toda a xeografía galega. O Apalpador visitará o Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 11 de decembro dende as 17h, cun agasallo sorpresa para cada nena ou neno que acuda.
Para asistir é imprescindible inscribirse previamente, até o xoves 10 de decembro, escribindo a normalización@concellodeames.gal.
A figura do Apalpador -ou Pandigueiro- é un personaxe mítico do interior lugués que está a recuperarse por toda Galicia dende Sarria, os Ancares, Lemos ou a terra de Trives. Trátase dun carboeiro que baixa na noite do 24 ou 31 de decembro para visitar os nenos, tocándolles o ventre para saber se comeron dabondo ese ano. Sempre lles deixa de agasalllo unhas castañas ou outro regalo semellante.
O programa Apego
Esta actividade, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística, pertence ao programa Apego de difusión do galego, dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.