O BNG de Ames insta ao Sergas a resolver de xeito inmediato o problema da caldeira do Centro de Saúde do Milladoiro, que afecta á subministración de calefacción e auga quente deste equipamento dende a súa entrada en funcionamento. Dende a asemblea local dos nacionalistas, a través da súa portavoz Isabel Vaquero Quintela, lamentan estes fallos nuns servizos fundamentais para os pacientes do centro sanitario, considerando que, dadas as súas características, solucionalo debe ser absolutamente prioritario para o Sergas.
O Centro de Saúde do Milladoiro abriu as súas portas hai apenas un ano, en xaneiro de 2021. O edificio quintuplicou o tamaño do anterior centro de saúde da vila, e incorporou os servizos de odontoloxía e fisioterapia. Da cobertura a aproximadamente 15.000 pacientes. Porén, eivas como a denunciada polo BNG local, que segundo indican leva presente dende a propia apertura, merman a calidade do seu servizo.