25 Novembro, 2021

O BNG pide na EMMA a implicación da Xunta nas escolas de música e conservatorios

A Deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, Mercedes Queixas, visitou a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) xunto coas concelleiras de Cultura, Natividade González; de Mocidade, Escarlata Pampín; e de Educación, David Santomil e membros do Consello Local; para destacar o traballo realizado polo Concello de Ames e, en particular, as concellarías do BNG na creación, consolidación e impulso da EMMA.

A parlamentaria Mercedes Queixas destacou durante a visita ás instalacións da EMMA o importante esforzo económico do Concello de Ames. Reclamou que a Xunta faga o propio e poña en marcha unha liña de subvencións específica á imaxe do que fai a Deputación da Coruña. Neste senso, o BNG solicita a creación dunha Rede pública de Escolas de Música e Conservatorios que conte con financiamento autonómico para axudar aos concellos e permitir a ampliación do número de horas lectivas para o profesorado.

Natividade González, concelleira de Cultura, subliñou a aposta do goberno local e do BNG polo ensino público, as escolas municipais e o reforzo dos recursos didácticos e instrumentos. A concelleira agradeceu a boa dispoñibilidade da nova directora, Pilar Martínez, quen solicitou seguir a consolidar a EMMA con máis recursos e dar a coñecer o traballo que realizan alumnado e profesorado ao conxunto da poboación do concello de Ames.

Este centro de Aldea Nova conta cun espazo propio e un alumnado conformado por unhas 200 persoas matriculadas nas disciplinas de linguaxe musical, práctica instrumental e vocal, música e movemento, así como na formación de diferentes agrupacións. A EMMA inscribiuse en 2017 no Rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia. O profesorado é municipal, incorporado daquela á Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. Dende 2019 goza dun Regulamento de réxime interno e ten un posto de dirección. Durante a pandemia, tense adaptado ás necesidades do alumnado a través de aulas non presenciais. Ademais, renovou material didáctico, adquirindo novos instrumentos e outros recursos, coa axuda da Deputación da Coruña.