O BNG pide que se restauren os muíños da ruta de Riamontes 

O grupo municipal do BNG de Ames, presenta unha moción para a recuperación deste conxunto etnográfico que suporía un importante enriquecemento do patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e medioambiental do Concello.

Neste contexto, cumpre salientar que a Deputación da Coruña vén de anunciar a creación dunha nova liña de subvencións destinadas á protección especial do patrimonio,“está pensada para actuar sobre aqueles bens que se atopan en risco de desaparición. Trátase dunha iniciativa pioneira que busca apoiar economicamente actuacións municipais de recuperación do patrimonio tradicional, especialmente as de pequena escala pero de alto valor patrimonial e social, explica  Xosé Luis Penas, deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento. “Conseguimos que foran para concellos de menos de 50.000 habitantes porque non queriamos que, por exemplo, Ames quedara fóra”. Engade Penas.

“Esta liña de axudas representa unha oportunidade idónea para que o Concello de Ames poida acceder a recursos externos e desenvolver un proxecto integral de restauración e posta en valor dos muíños da Ruta de Riamontes, contribuíndo así á conservación do noso legado cultural e á dinamización turística e económica da zona”, explica a voceira do BNG de Ames Escarlata Pampín.

O período de execución desta subvencións é do 1 de xaneiro do 2026 ao 30 de xuño do 2027, dende o BNG de Ames pídenlle ao goberno municipal que as soliciten para recuperar e pór en valor estes muíños da Ruta de Riamontes.