O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción da Saúde, celebrou o sábado, 25 de abril, a quinta edición da Feira da Saúde e Benestar, que este ano xirou arredor do coidado da pel, o órgano que nos envolve.
Nesta edición participaron un total de 13 asociacións cos seus stands para proporcionar información sobre o seu labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a feira. Ademais, o Concello de Ames conta cun stand propio para dar visibilidade ás actividades que se organizan dende o departamento de Promoción da Saúde, sobre todo para dar a coñecer o plan municipal de saúde mental, as andainas, os talleres de regulación emocional, o programa de cesación tabáquica, etc.
O rexedor municipal, Blas García, incidiu en que “somos o único Concello de Galicia que dispoñemos de dito plan de saúde mental, que imos a seguir incrementando. Este ano imos comezar a impartir cursos de RCP para formar á cidadanía. Tamén quero destacar que a saúde non só é atención sanitaria, senón que é moito máis, a saúde é ter estabilidade emocional, facer exercicio físico e ter bos hábitos de alimentación”.
Na V Feira da Saúde e Benestar participaron 13 entidades e houbo un relatorio sobre a prevención do cancro de pel, A túa pel ten memoria, protéxea cada día; prevención do cancro de pel, unha charla a cargo de Iria Villar, técnica de prevención e coidados da AECC. Tamén houbo un coloquio-obradoiro sobre Coidados básicos da pel. Esta actividade estivo impartida por Catalina Outeiral, que é Asesora Dermatolóxica.
Os participantess nestas charlas tiveron acceso tamén a clases de Tai Chi, impartidas polo persoal de India & Tai.
A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, explicou que “o obxectivo principal desta feira é darlle visibilidade ao traballo que fan as asociacións que participan neste evento. Esta é a quinta edición da feira, polo que isto quere dicir que é unha iniciativa que funciona e gusta”.