16 Abril, 2020

O Comité de Emerxencia Social municipal facilitará os trámites para axudas de emerxencia e renda básica municipal

O Comité de Emerxencia Social celebrou a súa segunda xuntanza, na que fixo balance sobre a situación actual dos servizos sociais, destacando que continúa o incremento de usuarios e necesidades en emerxencia social. Na reunión aprobouse a instrución sobre as axudas de emerxencia social e garantía para a renda municipal básica, buscando “facilitar os trámites necesarios” e “a revisión de documentación dun modo áxil”. Nesta nova xuntanza participaron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, a asesora xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico, e os voceiros dos grupos políticos que conforman o goberno, Blas García, David Santomil e Genma Otero.

O Comité de Emerxencia Social constituise como órgano de coordinación das accións  a nivel municipal, co obxectivo de dar cobertura ás demandas de primeira necesidade da cidadanía durante a crise do COVID-19.  O Concello asegura buscar unha xestión “eficiente e eficaz” das diferentes axudas municipais para “o seu reforzo durante a crise”. O obxectivo final declrado é “cubrir todas as necesidades básicas dos usuarios e usuarias dos Servizos Sociais”, así como “dos novos casos que van xurdindo resultado da situación de desemprego, falta de ingresos e confinamento”.

A instrucion aprobada procura facilitar os trámites e a revisión de documentación para as axudas de emerxencia e a renda municipal básica.  A proposta de instrución recolle o pagamento das prestacións económicas nos prazos establecidos. O Concello comprométese, “tendo en conta os medios persoais e técnicos”, a resolver “os expedientes que estean completos e as reanudacións e modificacións que sexan posibles, así como tramitar novas solicitudes, sempre e cando o autorice a persoa solicitante”. Prometen flexibilidade nos requerimentos de documentación que fosen necesarios, permitindo a achega de documentación por correo electrónico, ou por calquera outro medio que permita a verificación da información necesaria.