O Pleno municipal do vindeiro xoves, 3 de setembro, debaterá a aprobación dun crédito extraordinario de máis de 115.000 euros para que o Concello poida asumir a súa achega ao Plan provincial Reactiva. Ao municipio correspóndelle financiar a nivel local o 20% desta iniciativa destinada a reactivar a economía, por un 80% da Deputación. Actualmente, o Concello non conta no orzamento con crédito para comprometer esta achega.
As xudas PEL Reactiva forman parte do Plan de Emprego Local e destínanse a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Ao Concello de Ames correspóndenlle máis de 580.000 euros. Estes fondos teñen que ser repartidos entre as microempresas e as persoas traballadoras autónomas de cada concello consideradas como beneficiarias finalistas do programa, co fin de que poidan facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria provocada pola COVID-19 e a paliar o seu impacto económico e social.
Tratándose dunha liña de achegas marcadas pola excepcionalidade da pandemia do coronavirus, o Concello precisa levar a cabo unha modificación de crédito que permita financiala. A modificación que se propón financiarase con remanente con baixas por anulación de actuacións que non se van a desenvolver no exercicio 2020. Será xa que logo unha modificación de crédito extraordinario por tratarse de gastos non previstos no orzamento financiado con baixas por anulacións.
Deste xeito, 68.000 euros procederán do Plan de limpeza de camiños municipais. Neste exercicio 2020 estaba previsto acometer un plan de limpeza de camiños, para a súa reparación, mantemento e conservación. Debido a que este servizo ten que ser licitado e os prazos que conleva este procedemento, estimase que dos 120.000 euros presupostados se pode producir o aforro indicado.
Outros 30.009,57 euros proceden do servizo de colaboración na xestión tributaria. Este servizo está en proceso de licitación e estímase que ata o mes de setembro non será adxudicado, polo que se vai a producir unha baixa no importe presupostado para dito servizo. Por último, destinaranse 18.500 euros do servizo de ordenación do tráfico e estacionamento, que recollía para o exercicio 2020 a compra de PDAs para os/as axentes da Policía Local. Esta compra non se realizará no exercicio 2020.
Outros asuntos
Por outra banda, no pleno deste xoves tamén se debaterá a aprobación dos festivos locais para 2021. A proposta que se debaterá no pleno é que sexan festivos locais o xoves 13 de maio, día no que se celebra a festividade da Ascensión, e o xoves 24 de xuño, día de San Xoán. Ademais, debaterase unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas este vindeiro curso escolar. Os socialistas instan á Consellería de Educación a xuntarse axiña cos representantes do profesorado e das familias do alumnado para acadar un documento consensuado que permita afrontar o desenvolvemento do curso 2020-2021 “coas máximas garantías posibles”.