3 Agosto, 2021

O Concello de Ames pide un cribado á Xerencia da Área Sanitaria

Ames, un dos concellos coa poboación máis nova de Galicia, cunha porcentaxe moi alta de persoas sen vacinar, roza xa os 200 casos cos 197 que se declararon hoxe. En nivel alto de restricións desde o sábado 31 de xullo, a hostalaría local afronta novamente un réxime estrito que mesmo prohíbe a entrada a persoas que non presenten un certificado de vacinación coa pauta completa, acredite unha proba negativa de Covid-19 nas últimas 72 horas, ou presente un documento que garanta ter tido Covid-19 nos últimos seis meses.

É por isto que o alcalde, Blas García, solicitou hoxe á Xerencia Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza a instalación dun punto móbil para realizar un cribado entre a veciñanza. García xustifica isto pola situación de restrición en que se atopa Ames e o feito de que boa parte da súa poboación aínda non fose vacinada. A proba redundaría, afirma o rexedor, no beneficio dos veciños e veciñas do Concello de Ames e ao mesmo tempo nos locais de hostalaría, un dos sectores máis prexudicados pola crise da COVID-19.

A carta envíase, precisamente, o día en que se coñeceu que o número de casos activos en Ames sobe a 197.. O número de casos activos en Ames non deixou de medrar nas últimas semanas pasando en só 15 días de 40 casos aos case 200 actuais.