26 Outubro, 2020

O Concello planea a gratuidade dos postos no mercado de rúa

A comisión municipal informativa permanente de economía e facenda e especial de contas acordou a semana pasada propor ao pleno a derrogación da ordenanza fiscal reguladorada taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes do municipio. A medida está especialmente pensada para o mercado dos sábados de Bertamiráns. O obxectivo do Goberno municipal é que os vendedores ambulantes poidan afrontar a crise económica provocada pola pandemia da Covid-19.

O Goberno local asegura que o mercado de venda ambulante dos sábados de Bertamiráns favorece o desenvolvemento económico do concello. É o único mercado con horario de tarde na contorna, atraendo visitantes de Santiago, Teo, Negreira ou Brión. Supón un importante apoio para o tecido económico da vila.