Dar a coñecer o uso do abono natural é o obxectivo por detrás da iniciativa municipal para repartir entre a veciñanza o compost xerado polos restos dos comedores escolares. O pasado sábado, 3 de outubro, realizouse o primeiro reparto entregando ata 200 quilos de compostaxe en bolsas de quilo e medio cada unha. Á carpa instalada no mercado de rúa de Bertamiráns, achegáronse veciños e veciñas interesadas no proceso de reciclaxe. As Concellarías de Transición Ecolóxica e Educación organizarán este mesmo reparto o sábado, 17 de outubro, de 16.00 a 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Ademais, poderase recoller o compost no viveiro municipal de Barouta todos os sábados do mes de outubro, de 16:00 a 19:00 horas.
Para desenvolver o programa “CompostAmes” colocáronse 6 composteiros de 800 litros no viveiro municipal de Barouta, que funcionan a unha temperatura de entre 40 e 65 graos. Tras un ano de traballo, obtivéronse 400 litros de compost de moi alta calidade debido ás boas labores de separación que realizaron os nenos e nenas, así como o persoal de cociña dos comedores escolares de Ames.