4 Maio, 2026

O Concello presenta a nova app de Deportes

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, vén de desenvolver a app Deportes Concello de Ames, un novo aplicativo para a inscrición nas actividades deportivas, a reserva dos distintos espazos deportivos (pistas de tenis, pádel…) e a tramitación dos distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais. Actualmente, dita plataforma dispón de versión online e en breve estará dispoñible na App Store e no Google Play, polo que terá versión para Android e iOS. Pódese acceder a través dos banners que están colocados na cabeceira e ao pé da páxina web municipal. Para dispor de máis información sobre o uso desta aplicación web, podes premer nesta ligazón.

A Concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “dende o departamento de Deportes damos un paso máis para mellorar os servizos dixitais que ofrecemos á veciñanza amesá cunha nova plataforma de xestión de actividades e instalacións deportivas que se denomina Deportes Concello de Ames”.

Señorís indica “trátase dunha aplicación creada para realizar a inscrición nas actividades que forman parte da programación deportiva municipal, para a reserva dos distintos espazos deportivos (pistas de tenis e pádel), así como tramitar os distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais. A través desta aplicación ampliamos os servizos que xa ofrecíamos a través da anterior aplicación web e APP”.