O pasado 11 de marzo houbo xuntanza do Consello Director do Parque Compostela Rupestre. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña, coa participación dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra.
Durante o encontro informouse sobre a sinalética dos parques e xacementos, así como sobre a situación das limpezas e dos terreos. A reunión serviu tamén para abordar as actuacións previstas no ámbito do parque e ratificar a incorporación do Concello de Outes a Compostela Rupestre, á espera da validación por parte do comité científico.
No relativo á sinalética, o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, explicou que a proposta de sinalización dos roteiros e dos parques foi aceptada por todos os concellos participantes. A Deputación está a traballar nun modelo unitario para identificar as rutas e os emprazamentos concretos dos bens patrimoniais, co obxectivo de ofrecer información complementaria sen competir coa sinalización turística existente nas estradas.
Durante a xuntanza abordouse tamén a situación da roza das fincas e o mantemento dos espazos. Segundo indicou o deputado, xa se realizou un primeiro traballo de roza e adecuación das fincas e «agora, ese traballo, loxicamente, témolo que manter no tempo, tanto os concellos como a Deputación».
Outro dos asuntos tratados foi a constitución do comité científico do parque. Penas explicou que este proceso está condicionado «pola dificultade de moitos técnicos para poderen participar nel». Con todo, expresou o seu desexo de que estea conformado «antes do verán».
O CIRVI, epicentro de Compostela Rupestre
Na reunión tamén se abordou a situación do CIRVI —Centro de Interpretación da Arte Rupestre de Villestro—. «Vaise renovar o convenio para que poida comezar a licitación e ter preparado ese centro como epicentro de todo o que serán os roteiros de Compostela Rupestre», indicou o deputado.
Ademais, tratouse a cuestión da adquisición, expropiación e traspaso de propiedades nas que se localizan xacementos e petróglifos, un proceso que se levará a cabo de maneira conxunta entre a Deputación e os concellos participantes.
Finalmente, Penas destacou a vontade de impulsar actividades arredor do patrimonio vinculado a Compostela Rupestre. «Queremos impulsar actividades ao redor do patrimonio de Compostela Rupestre para dar a coñecer entre a cidadanía o que se está a facer ao abeiro desta iniciativa», afirmou.