A Xunta fixo hoxe públicos os datos máis recentes sobre a epidemia de COVID-19 en Galicia, onde salienta o freo no número total de casos confirmados pero tamén se rexistra un máximo histórico de falecementos. Se onte ás 12:30h a cifra de mortes era de 208, hoxe ás 15:30h eran 278. Este aumento débese á inclusión nas listas dos falecementos nas residencias de persoas anciás e dependentes, que o Goberno galego non contabilizaba anteriormente. Os casos totais de coronavirus, que eran onte 5.435, son hoxe 5.460, isto é, un aumento en termos absolutos de 25 positivos e menos do 1%.
Na área sanitaria de Santiago hai 911 casos, o que supón un incremento de 27 pacientes. A epidemia segue a medrar na área compostelá máis rápido que no conxunto de Galicia, cun aumento do 56% ao longo de abril fronte ao 34% a nivel autonómico. Porén, dende a fin de semana pasada, a aparición de novos casos diminuiu notoriamente na nosa zona, logo de máis de 100 deteccións positivas entre o sábado e o domingo pasados.
A área sanitaria da Coruña segue a ser a máis afectada da comunidade, cun total de 1138 pacientes. Hai 1.066 casos en Vigo, 1.001 na área de Ourense, 911 na de Santiago, 566 na de Lugo, 460 na de Pontevedra e 318 na de Ferrol, que segue a ser a menos afectada de Galicia. Hai 158 persoas na UCI e 835 hospitalizadas fóra do réxime de coidados intensivos. Case 4.500 persoas con diagnóstico positivo de coronavirus permanecen no fogar en seguimento. Ata agora foron dadas de alta 800 persoas na nosa comunidade, e fixéronse 34.423 probas entre a poboación.