A Xuntanza de Empresarios de Ames e o Concello de Ames organizaron a quinta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. A esta edición presentáronse un total de 51 fotografías, repartidas entre as tres categorías existentes (artística, paisaxe e patrimonio). Este ano incrementouse o importe dos premios e repartiranse 1.125 euros para gastar nos comercios asociados á XEA. O xurado, que estivo composto por catro persoas (dúas achegadas polo Concello e outras dúas por XEA), encargouse de elixir as nove mellores fotografías. Os/as premiados/as foron notificados/as mediante chamada telefónica.
O xurado, como no ano anterior, estivo composto por 4 persoas: dúas escollidas por XEA (Javier Troitiño, de Javier Troitiño Fotógrafo, e Fernanda Valentina, de Happy Memories) e outras dúas en representación do Concello de Ames (as técnicas de Turismo, Sonia Moure, e de Medio Ambiente, Patricia Reboreda). Tralo ditame, xa se coñecen as fotografías gañadoras da quinta edición do concurso Enfoca Ames.
Na categoría artística, o primeiro premio foi para David Hernando Castro, coa instantánea Tambre Mágico. O segundo premio recaeu en Alejandro Germán Jofre Sánchez, coa obra Ames, e o terceiro premio foi para Amparo Portabales Dobaño, coa fotografía Reflexo. Nesta categoría, na que se permite a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal, co obxectivo de dotala dun aspecto máis subxectivo e surrealista, presentáronse 15 fotografías.
Na categoría paisaxe, o primeiro premio foi para Nerea Gui Barbazán Suárez, coa foto Solpor de Outono. O segundo premio recaeu en Amparo Portabales Dobaño, coa obra Néboa na Mahía; mentres que o terceiro premio foi para Francisco Javier Díaz Gilmartin, coa instantánea Aguas Fugaces. Nesta categoría presentáronse 19 fotografías, que debían mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén podían centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes.
Por último, na categoría patrimonio o primeiro premio foi para Vanessa Lamas Gesto, coa obra Reflexos de cores outonais e néboas do río muíño de Tapia. O segundo premio recaeu en Alejandro Germán Jofre Sánchez, coa fotografía Ponte; e o terceiro premio foi para Amparo Portabales Dobaño coa obra A Peregrina no Espello. Nesta categoría, na que a fotografía debía recoller o patrimonio material (igrexas, cruceiros, pontes, muíños, etc) ou inmaterial (tradicións ou expresións vivas, verbenas, romarías, etc.) do noso concello, presentáronse 17 fotografías.