2 Setembro, 2021

O Fútbol Club Meigas mídese co Ourense Envialia este sábado no segundo amistoso da pretempada

A Escola Feminina de Fútbol Sala Meigas xogará contra o Ourense Envialia o vindeiro sábado 4 de setembro ás 18.30 horas, no Pavillón de Bertamiráns no que será o segundo amigable da pretempada 2021-2022 do F.C. Meigas e enfrontará ao equipo local, de Preferente Galega, cun club da 1ª División. O partido presentouse onte na Casa do Concello coa presenza de Diego Montero e Paola Vignolo en representación do Meigas e Gonzalo Iglesias, “Morenin”, do Ourense Envialia. En representación do Goberno Municipal asistiu a concelleira de Deportes, Susana Señorís.

A edil comprometeu a súa presenza para animar ao Fútbol Club Meigas sinalando que “o sábado será o pistoletazo de saída da temporada do F.C. Meigas con este partidazo que non nos podemos perder”. Señorís agradeceu ao Ourense Envialia a súa xenerosidade “por vir a Ames e traer a unhas xogadoras de altísimo nivel ao noso concello”.

Pola súa banda, o adestrador do Ourense Envialia, Gonzalo Iglesias “Morenin”, recoñeceu estar encantados con este amistoso e manifestou esperar “que nos serva a ambos clubs de traballo físico e carga de pretempada”.

Este amigable supón segundo a presidenta do Meigas, Paola Vignolo, continuar co proxecto de traer fútbol sala feminino de alto nivel a Ames. A presidenta do Meigas recoñeceu que “esta é unha gran oportunidade para que as rapazas do Meigas se enfronten a un equipo de tanta calidade, pois este tipo de partidos supón unha aprendizaxe moi significativa”.

O adestrador do Meigas,  Diego Montero, recoñeceu que non é habitual que un equipo de 1ª División se preste a xogar contra un equipo de Preferente Galega. “É moi importante para o concello traer fútbol sala de alto rendemento e ao mesmo tempo para as rapazas compartir pista con algunhas das mellores xogadoras e un dos mellores adestradores do mundo”. E engadiu que “ despois do susto inicial de ter que enfrontarse a un equipo desta categoría as rapazas afrontan os adestramentos con ilusión, preparando tácticas e estratexias de defensa para competir ao mesmo tempo que desfrutan”.