O Goberno do Estado xa dispón do anteproxecto de humanización da N-550. O alcalde amesán, Blas García, entregoullo esta mañá á Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, nunha reunión mantida na Delegación do Goberno da Coruña. O Estado recibe así o anteproxecto para vertebrar o núcleo do Milladoiro coa humanización da avenida Rosalía de Castro. A idea do Concello é que a avenida pase a ser de dous carrís, cunha mediana central verde con vexetación. Ampliaranse as as beirarrúas, construirase unha rotonda na intersección das rúas Cruxa e Figueiras e unha semirotonda entre as rúas Magdalena e Castelao, o que permitirá o cambio de sentido. Hoxe en día só se pode virar nas rotonda da SC-20 ou xa en Teo.
A Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, amosou o seu interese por este anteproxecto e manifestou o compromiso de revisalo para poder elaborar o proxecto “que posibilite a construción desa obra tan necesaria para o Milladoiro”. Isabel Pardo de Vera dixo coñecer perfectamente os problemas de tráfico existentes no Milladoiro e amosouse moi receptiva con “este tipo de actuacións que permiten a eliminación de vehículos e favorecen o uso peonil”.
O alcalde de Ames, Blas García, explicoulle a Pardo de Vera que “a N-550 en todo o percorrido polo noso país so ten catro carrís no Milladoiro, e que “é unha débeda coa súa poboación crear na rúa Rosalía de Castro un espazo máis sostible que favoreza esa mobilidade peonil”. García lembrou tamén que “xa se deron pasos durante os últimos anos, como a eliminación do paso de vehículos pesados de máis de 30 toneladas, co que se conseguiu reducir o paso de case 100.000 camións ao ano”. Asemade, o alcalde de Ames dixo que “no mesmo traballo realizado recóllense novas alternativas de tráfico e unha variante xa construída que é a estrada que vai desde as Galanas ata a AG-56 en Pardiñas”. Blas García agradeceu tamén as xestións realizadas polo Delegado do Goberno, José Miñones, “as cales son de total apoio a este proxecto de humanización que el tan ben coñece”.
Acceso á Avenida Muíño Vello
Outro dos asuntos tratados na xuntanza foi a construción da variante na rotonda da SC-20 pola que se accede á Avenida Muíño Vello e ao polígono empresarial Novo Milladoiro. Para esta actuación estase a elaborar un proxecto construtivo e agárdase que para o ano 2022 se comece a construír. Cómpre salientar que esta variante facilitaría o acceso e aliviaría o tráfico nesa contorna na que habitualmente se forman atascos de saída.