30 Xuño, 2021

O Goberno local leva a pleno o primeiro paso para asumir a titularidade pública do servizo do Ciclo Integral da Auga

Esta tarde celebrarase en Ames o pleno ordinario do mes de xuño. Os grupos municipais do goberno levan unha proposta para compatibilizar o cobro da renda de inclusión Social de Galicia co ingreso mínimo vital, ademais de estudar a municipalización do Ciclo Integral da Auga (CIA)

Ademais, tratarase a solicitude á Deputación Provincial da Coruña de colaboración económica no financiamento das obras de construcción de beirarrúas na Avenida da Maía. Estas presentan na actualidade un estado deficiente, ademais de heteroxéneo como consecuencia das distintas intervencións realizadas, así como do dano causado por maquinaria de limpeza viaria. Existen, ademais, numerosas arquetas e pozos de rexistro que, nalgún dos casos, se atopan deteriorados.

O Concello decidiu encargar, en consecuencia, a redacción dun proxecto técnico cun orzamento de 301.205,72 €, que deberá ser aprobado polo pleno e do que se espera que o 80% dos cartos sexan achegados pola Deputación. Lembran dende o Concello que Bertamiráns, con case un terzo da poboación de Ames, un concello de notable incremento poboacional, “concentra gran parte dos servizos públicos administrativos, asistenciais, sanitarios e educativos de Ames”.

Outros asuntos
Tamén se someterá a debate a aprobación da segunda licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo. Outro dos asuntos a tratar é o inicio do expediente para a determinación do modelo de xestión mais sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga (CIA) do Concello de Ames.

O Concello considera que debe asumir a titularidade pública do servizo e a súa responsabilidade da xestión, indicando, ademais, que a xestión directa podería ser máis conveniente ao interese municipal. Así o atestemuñan os traballos realizados, ao longo destes anos, e os informes recibidos. Neste pleno proporase a creación dunha Comisión de Estudo formada por técnicos municipais e representantes de todas as forzas políticas da Corporación co obxectivo de promover un procedemento aprticipativo e aberto.

Ademais, abordarase a proposta que presentan os grupos municipais do goberno de Ames ( PSdG-PSOE, BNG, e Contigo Podemos) para solicitar a modificación do Decreto 14/2019, de desenvolvemento da lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión Social de Galicia para compatibilizar o cobro da renda de inclusión Social de Galicia co ingreso mínimo vital.