Os Esfola Arrós é un club ciclista de Ames, sendo unha das súas asociacións deportivas máis activas, pois participa en numerosas competicións tanto a nivel galego como fóra das fronteiras de Galicia. Dende o club estan a seguir con atención o desenvolvemento do Gran Camiño, esa volta ciclista a Galicia que atravesará Ames a finais de febreiro e que, en palabras do seu secretario Jorge Pérez, “vai ser unha boa oportunidade para estar presentes, tanto como club como a nivel de público, como afeccionados ao ciclismo”.
E é que Ames é un Concello onde o interese polo ciclismo segue medrando e medrando: “Nós levamos polo menos 8 ou 9 anos, e a verdade é que dende que empezamos só fumos vendo como ía medrando a afección, tanto a nivel de participantes como de xente espectadora das distintas probas que cada ano se ían celebrando, dende as máis profesionais como a Vuelta a España a outros eventos como o Día da Bicicleta, a Transgalaica ou a Carreira do Pavo”. Pérez pon como exemplo o ocorrido o ano pasado co paso da Vuelta por Bertamiráns, que desatou un grande interese. “Á xente gústalle o ciclismo, e é unha oportunidade máis para darse a coñecer, a nivel institucional, a nivel de sitios pintorescos do concello…” engade o ciclista.
Nese interese que teñen os amesáns e as amesás polas dúas rodas inflúen, na súa opinión, varios factores. Por un lado, as propias características do deporte, ao ser “unha actividade física moi agradable, que poden practicar tanto os nenos como a xente máis adulta, que está aberta a todo tipo de persoas. A todos nos gusta de cando en vez coller a bici e dar un paseo, ou ben a nivel máis competitivo facer algunha proba”. E por outra banda, recoñece o apoio institucional que o Concello de Ames da ao deporte e en concreto ás actividades do seu club: “O Concello apoiou todos os eventos que quixemos organizar sen ningún tipo de problema, tanto a nivel económico a través de subvencións como a nivel organizativo. Para nós hai bastante apoio, e penso que para outras asociacións tamén é igual”.
Os ciclistas asociados nos Esfola Arrós xa teñen constancia do percorrido que os participantes do Gran Camiño realizarán ao seu paso por Ames, e xa contan con facer eses mesmos tramos en diferentes datas para simular a proba. Jorge Pérez explica que esta é unha práctica habitual nos clubs ciclistas, que, “cando hai etapas ciclistas de diferentes probas, fan quedadas para facer esas mesmas etapas noutras datas, para simular eses percorridos”. Isto fai que as probas como esta sexan unha gran oportunidade para dar a coñecer os lugares máis destacados de Ames. Por exemplo, di, “cando saian na televisión os ciclistas pasando pola Ponte Maceira iso vai facer que varios ciclistas a inclúan na súa ruta”. De feito, isto mesmo foi, segundo conta, o que pasou co hoxe célebre Ézaro, que acollerá o final da etapa coruñesa do Camiño. O Ézaro “non o coñecía moita xente, comezou saír como un tramo moi duro que só subían uns poucos, e agora é coñecido por todos os ciclistas, que van alí en peregrinación”, indica.