8 Abril, 2026

O IES do Milladoiro conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano

O 8 de abril celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano, e IES do Milladoiro, xunto coa Fundación Secretariado Xitano (FSG) quixo conmemorar esta xornada con dúas accións: a elaboración dun mural a cargo dos alumnos e alumnas de 1º ESO a base de recortes, fotos e debuxos en relación á historia, cultura, referentes e identidade do pobo xitano; e unha gala con exposicións de traballos e obradoiros na que participaron rapaces e rapazas de 2º ESO e alumnado xitano doutros cursos. 

A xornada comezou arredor das 10.50 horas coa elaboración dun mural colectivo cos alumnos e alumnas de 1º ESO A, B, C e D. Cada grupo realizou o traballo na súa propia aula, co obxectivo de crear un mapa do tempo a base de recortes e fotografías no que se expuxese a historia, a cultura, os referentes e a identidade do pobo xitano. O resultado foi exposto polo alumnado no corredor do instituto. 

Ao finalizar esta primeira actividade, arredor das 13.00 horas, comezou a actividade central desta xornada: a gala do Día Internacional do Pobo Xitano, no auditorio do Milladoiro. Conducida por Azahara, unha das alumnas do instituto, foi unha cerimonia marcada pola lectura do manifesto do 8 de abril. A encargada desta proclama foi outra das alumnas do centro, Samara. 

Con todo, o acto estivo marcado polo compoñente musical: primeiro Isaías, de 1º ESO, desenvolveu un obradoiro de palmas a ritmo de rumba, bulerías e tango; e posteriormente, outro dos xoves alumnos do Milladoiro, Nico, interpretou no piano, acompañado do seu primo maior Simón, a peza Orobroy xunto con Enrique, outro estudante do centro, ao caixón. 

Día Internacional do Pobo Xitano

Cada 8 de abril celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano en conmemoración do primeiro Congreso Mundial Romaní celebrado en Londres no ano 1971, onde se oficializaron a bandeira e o himno do pobo xitano. Esta é, por tanto, unha xornada de recoñecemento da historia, cultura e achegas da comunidade xitana e a loita pola igualdade.