10 Marzo, 2025

O InnovAmes 2025 pon o foco na sostibilidade e abre a porta á participación doutros concellos na próxima edición

O Concello de Ames acolleu o pasado venres 7 de marzo a quinta edición da Xornada de Innovación, InnovAmes, un evento que puxo en valor a capacidade innovadora das empresas amesás e promoveu o debate sobre a sostibilidade no ámbito empresarial. A xornada, celebrada no pavillón polideportivo do Milladoiro, reuniu a máis de vinte empresas, representantes das Universidades de Santiago e Vigo, e alumnado dos centros educativos de Ames.

Estas xornaas tiveron como obxectivo achegar á cidadanía as últimas tendencias en innovación, tecnoloxía e audiovisual, xunto coa promoción de proxectos sostibles que poidan contribuír ao desenvolvemento económico local. Durante a xornada, realizáronse diferentes charlas, mesas de debate, obradoiros e presentacións de proxectos innovadores.

Entre as actividades destacadas, celebrouse a mesa de debate “A xestión da sostibilidade empresarial”, onde se analizaron os retos da produción e consumo actuais fronte á crise climática, o esgotamento de recursos e as desigualdades sociais. Ademais, outro debate centrouse nas oportunidades e desafíos para a innovación dentro das empresas de ámbito local.

O evento contou coa presenza de máis de 20 empresas punteiras en tecnoloxía e innovación, como Sistemius, Karbonius, We Robot, Biostatech ou Emotional Light, entre outras. Tamén participou o espazo de Coworking A Proa, con representación de emprendedores locais, así como a Cadena SER, que emitiu en directo parte da xornada.

O InnovAmes 2025 tamén incluíu a entrega dos premios InnovAmes aos mellores proxectos educativos de innovación. O CEIP de Barouta proclamouse gañador por terceiro ano consecutivo co proxecto Petiscapp, unha aplicación orientada á alimentación saudable, levando un premio de 1.500 euros. O segundo posto foi para o IES do Milladoiro co proxecto Xogando coa probabilidade e a estatística (1.250 euros). Os alumnos de 5º do CEIP Agro do Muíño obtiveron o terceiro posto con O mundo submarino (1.000 euros), mentres que os de 6º foron cuartos con Aprendemos xeometría coa impresora 3D (750 euros).

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que o InnovAmes é unha cita fundamental para o impulso empresarial e anunciou que a próxima edición podería abrirse á participación de empresas doutros concellos da contorna. “O traballo en rede é clave para avanzar na investigación e innovación”, afirmou.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, subliñou a incorporación da Fundación Down Compostela á xornada, destacando a importancia de promover a inclusión no ámbito laboral. A concelleira de Educación, Carmen Porto, agradeceu a implicación dos centros educativos, sinalando que InnovAmes “permite xerar sinerxías entre empresas e alumnado, ofrecendo unha visión realista sobre as oportunidades de futuro no ámbito da innovación”.

A xornada pechouse cunha actuación musical a cargo de João Paiva, poñendo o broche final a unha edición que reafirmou a aposta de Ames pola innovación sostible e a colaboración intersectorial.