4 Novembro, 2026

O Milladoiro esta fin de semana baila… e mímase a si mesmo

Fran Sieira estrea en Ames “BenQuerer”, un só de danza con música en directo de Caamaño&Ameixeiras, para lembrarnos que parar tamén é unha forma de coidarse

Este venres 6 de novembro, ás 20.30 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro convértese no escenario dunha pausa. Si, unha pausa, nun mundo que non fai máis que acelerar. O bailarín Fran Sieira e a súa compañía levan ata Ames BenQuerer, o seu último traballo, dentro da programación cultural de outono do Concello.

Un só de danza que vai ao grano (e ao corpo)

A peza é un só íntimo e persoal que fala dese que moitos dicimos ter pendente: o autocoidado. Nada de felicidade permanente nin de estar sempre ben. BenQuerer fala de escoitar o corpo cando di “basta”, de aprender a poñer límites e de preguntarse se, nun sistema que premia producir, avanzar e seguir adiante, nos podemos permitir parar. E, xa postos, se podemos amosarnos vulnerables sen medo ao xuízo alleo.

O espectáculo parte do proceso creativo do propio Sieira e achégase á rutina do día a día e ás nosas formas de adaptarnos aos cambios, sempre desde as marxes e con perspectiva de xénero.

Folclore galego, pero do século XXI

A compañía botou a andar en 2017 cunha idea clara: reinterpretar o folclore galego en clave contemporánea. Estudan o movemento da danza tradicional e úsano como medio de expresión, para crear unha linguaxe vangardista que non perde de vista as raíces. Os seus proxectos adoitan levar tamén unha misión social, a de concienciar sobre cuestións que importan.

Música en directo con pedigrí

O escenario non estará só para Sieira. Acompañarano Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, que forman o dúo Caamaño&Ameixeiras desde 2018. Parten da tradición para construír unha linguaxe propia, con arranxos vibrantes que mantén a esencia folk e lle engade toques contemporáneos.

Ademais, non son precisamente novatas. Nos últimos anos colaboraron con Rodrigo Cuevas (Catro cousas, 2024), Fillas de Cassandra (Arderse, 2025) e Tanxugueiras (Ghatiña mansa, 2025). En xuño de 2025 levaron o Premio á Mellor Canción en Galego na segunda edición dos Premios da Academia Española de Música.

Entradas e datos prácticos

  • Cando: venres 6 de novembro, ás 20.30 h
  • Onde: Casa da Cultura do Milladoiro
  • Entradas: xa á venda na Billeteira

O espectáculo está subvencionado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.