28 Xullo, 2021

O parque do Ameneiral convértese nun obradoiro de pintura a cargo do artista Piero

O parque do Ameneiral converteuse no obradoiro do artista italiano Piero dende a tarde de onte. Ao longo de tres días o artista e ilustrador realiza un encargo para un comercio amesá. O artista quere deste xeito visibilizar o seu traballo e ao mesmo tempo engadir un atractivo a esta fermosa contorna do Concello de Ames.

Piero coñeceu a beleza do parque do Ameneiral cando veu expoñer os seus traballos na I Feira de san Xoán organizada por XEA. Cando recibiu o encargo de pintar un mural para un comercio do concello non dubidou en solicitar permiso para instalar o seu taller no propio parque. Paseantes e curiosos poden ata mañá xoves gozar do traballo do artista e ver a evolución desa paisaxe mariña.