5 Xuño, 2025

O Pazo da Peregrina acollerá os vindeiros días 4 e 5 de xullo unha nova edición do festival Ames Jazz

Volverá a soar a música no Pazo da Peregrina a comezos do vindeiro mes de xullo coa celebración da oitava edición do festival Ames Jazz. A principal novidade desta edición será a incorporación na programación dunha sesión vermut durante a xornada do sábado, que se celebrará no local O Transistor. Nesta ocasión, os cabezas de cartel son dous artistas galegos da primeira liña internacional na música Jazz como son Álvaro Vieito e Yago Vázquez. 

O festival presentouse no propio Pazo da Peregrina, que será o lugar onde se celebrará este evento musical dentro dun mes. Á presentación asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; o director artístico do Ames Jazz, Xacobe Martínez; a produtora do festival, Inés Portela. Tamén se contou cos dous artistas que actuarán na sesión vermú do sábado, Gloria Pavía e Rafa Morales, que interpretaron unha peza musical ao rematar a presentación do festival. 

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, resaltou que “Ames vai seguir apostando polo Jazz. A cultura é moi ampla, diversa e variada, polo que temos que dar a oportunidade aos veciños e veciñas do noso concello, e aos da contorna, de poder escoller e ofrecer alternativas para chegar a todos os públicos”. Ademais, quixo resaltar que “pretendemos dar un paso máis e desestacionalizar o jazz ofrecendo propostas en diferentes épocas do ano e, sobre todo, poder saír aos colexios e achegarlle á mocidade este xénero musical”.